- O centro tecnolóxico AIMPLAS traballa no desenvolvemento de novos envases alimentarios activos e intelixentes.
- Grazas á incorporación de compoñentes microelectrónicos, os futuros envases permitirán quentar os alimentos.
- Mediante a adición de compoñentes naturais, os envases alimentarios terán unha elevada capacidade antimicrobiana, o que permitirá alongar a vida dos alimentos.
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2019.- O centro tecnolóxico do plástico AIMPLAS, radicado na localidade valenciana de Paterna, está a desenvolver dous proxectos altamente innovadores en materia de envases alimentarios. Estes envases, que se poden cualificar de activos e intelixentes, permitirán, nuns casos, quentar a comida e, noutros, alongar a súa vida útil.
PROXECTO “HEAT FOOD”
AIMPLAS desenvolve baixo esta denominación un prototipo de envase alimentario autocalefactable, que permita quentar o seu contido ata en lugares que non conten cunha instalación axeitada para tal fin.
Grazas aos avances da plastrónica (unha parte da electrónica que estuda a integración de compoñentes electrónicos en materiais plásticos, o desenvolvemento de electrónica flexible e o uso de materiais condutores baseados en plásticos), os futuros envases alimentarios alcanzarán unha temperatura de quecemento idónea e distribuiranna de xeito uniforme.
PROXECTO “CAP-RESISTENT”
Desde o ano 2009, o centro tecnolóxico de AIMPLAS destacouse no campo da microencapsulación, é dicir, a adición de cápsulas diminutas de sustancias naturais con propiedades antimicrobianas, insecticidas e repelentes de insectos, aos materiais plásticos.
O obxectivo do proxecto consiste en lograr microcápsulas de elevada resistencia térmica e mecánica que soporten os procesos de fabricación de envases alimentarios mediante inxección e extrusión, para obter botellas e bandexas, sen perder as súas propiedades antimicrobianas.
AIMPLAS utilizou materiais plásticos biodegradables e compostables para fabricar os prototipos. Deste xeito, garántese o seu tratamento posterior, no marco da economía circular.
Grazas a esta tecnoloxía é posible a protección dos axentes activos, ata a súa posterior liberación controlada. Así se logrará manter os alimentos en condicións óptimas de consumo durante máis tempo, o cal redundará nun aforro para todos e permitirá reducir o desperdicio alimentario.
Fonte e imaxe: Aimplas
Saúdos, Departamento de Comunicación