- O grupo, liderado polo profesor Luís Ortiz, foi recibido e atendido polo director xeral da Sociedade, Isidro García Téllez.
- Este explicou os pormenores do proceso de ampliación das instalacións, cuxa primeira fase foi culminada a finais do ano pasado coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais.
- A segunda fase, en vigor, consiste na remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
- A obra de ampliación chegará ao seu fin a mediados deste ano con tres grandes beneficios: tratamento óptimo de todos os residuos recibidos, incremento dos índices de reciclaxe e redución do vertido ao 10%.
Cerceda, a 8 de abril de 2019.- Desde a posta en marcha do Complexo Medioambiental de Cerceda, a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra visitou asiduamente as instalacións de Sogama co obxectivo de complementar a formación das sucesivas xeracións de enxeñeiros forestais. Unha vez máis, a Sociedade tivo o privilexio de recibir a un novo grupo liderado polo profesor Luís Ortiz.
Foi o propio director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, o encargado de recibir e atender ao colectivo, especialmente interesado no proxecto de ampliación de Sogama. A primeira fase, completada en novembro de 2018 cun investimento de 19 millóns de euros, consistiu na posta en marcha dunha nova planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa. En liña coa emerxente industria 4.0, esta infraestrutura permite clasificar de forma automática ata 11 tipoloxías de residuos, que logo se prensan e embalan de forma diferenciada para remitir aos centros de reciclado.
A segunda fase da ampliación arrancou o pasado mes de xaneiro e, cun investimento de 10 millóns de euros, centrarase na remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
O proxecto, a maior obra de enxeñería logo da construción e entrada en operación do Complexo, chegará ao seu fin a mediados do ano en curso, e traerá consigo importantes beneficios. Permitirá, en primeiro lugar, que a empresa pública trate en condicións óptimas todos os residuos producidos polos 295 concellos adheridos ao seu modelo. Isto será posible grazas á maior capacidade do complexo, que se verá incrementada nun 81% ao pasar de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Así mesmo, a incorporación de novas tecnoloxías e procesos de innovación industrial permitirá á entidade multiplicar por catro os seus índices de reciclaxe e chegar en 2020 ao vertido técnico cero (10%), esixencia do Parlamento Europeo para os Estados membros no horizonte do ano 2035. Isto quere dicir que Sogama adiantarase en 15 anos ao cumprimento da norma e só enviará a vertedoiro aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
García Téllez explicou ao alumnado o plan de acción para os próximos meses, así como a folla de ruta a seguir por unha empresa que aspira a alcanzar a excelencia e a contribuír a que Galicia transite cara á economía circular.
Finalizada a ampliación, a planta de Sogama pasará a ser a máis eficiente, moderna e innovadora de Europa, converténdose en todo un referente a nivel mundial.
Saúdos, Departamento de Comunicación