- Terá lugar, entre os días 15 e 17 do próximo mes de maio, na sede da FAO.
- A erosión do solo constitúe un dos máis apremiantes problemas medioambientais do planeta.
- Instruirase aos participantes sobre prácticas e técnicas concretas de xestión sostible do solo.
Cerceda, 23 de abril de 2019.- Entre os días 15 e 17 de maio próximo, celebrarase na sede da FAO, en Roma, o Simposio Mundial sobre a Erosión do Solo (GSER19), unha reunión política e científica ao máis alto nivel que terá lugar a iniciativa da propia FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), a Alianza Mundial polo Solo (SGP), o Panel Técnico Intergobernamental sobre os Solos (ITPS), a Convención das Nacións Unidas para Combater a Desertificación (UNCCD-SPI) e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (OIEA).
UN PROBLEMA ECOLÓXICO DE PRIMEIRA MAGNITUDE
A erosión do solo representa un dos maiores problemas medioambientais que aqueixan ao planeta Terra. As súas consecuencias son moi diversas e de gran calado: diminución da produtividade agrícola, degradación das funcións cruciais do ecosistema, amplificación do risco hidroxeolóxico, desprazamento de poboacións…
O Simposio Mundial sobre a Erosión do Solo aspira a converterse nunha plataforma común para a elaboración de respostas políticas e estratexias de investimento, a nivel nacional e internacional, coas que combater este problema. Grazas aos avances científicos en materia de intervención e innovación na xestión da erosión do solo e os marcos de avaliación existentes, abordaranse a prevención, o control e o contraste da erosión coa finalidade de incrementar a seguridade alimentaria e os servizos dos ecosistemas, coa vista posta na consecución dunha parte dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
EXEMPLOS CONCRETOS PARA POÑER EN PRÁCTICA
Esta reunión política e científica representa un paso transcendental para a posta en práctica das Directrices Voluntarias para a Xestión Sostible do Solo, no tocante a minimizar o risco de erosión.
A tal fin, proporcionará exemplos concretos de prácticas, técnicas e instrumentos eficaces de manexo sostible do solo, cos que se pretende arroxar luz sobre as lagoas científicas, tecnolóxicas e lexislativas existentes nesta materia e servir de guía para a súa solución.
Os obxectivos específicos do simposio, agrúpanse en catro grandes epígrafes:
1.- Identificar opcións para consolidar, xerar e harmonizar os datos de erosión do solo e as ferramentas de avaliación para promover o seu uso na toma de decisións a todos os niveis.
2.- Examinar e debater as políticas, acordos e marcos nacionais e internacionais existentes en materia de prevención, xestión e rehabilitación da erosión do solo, a fin de avaliar a súa eficacia e propoñer formas de melloralos.
3.- Facer unha reflexión crítica sobre a economía da erosión do solo, prestando atención a aquelas prácticas de manexo sostible do solo que son rendibles, cales non son e por que, buscar alternativas a aquelas medidas que dean un beneficio financeiro a curto/medio prazo.
4.- E avogar por unha axenda de acción para previr, mitigar e monitorear a erosión do solo.
A inscrición estará aberta ata o día 8 de maio.
Fonte e imaxe: FAO
Saúdos, Departamento de Comunicación