- Esta cifra supera, cun índice do 45,36%, o obxectivo legal de recollida marcado pola UE para este tipo de materiais, que foi incrementado en 2016, subindo do 25 ao 45%.
- As empresas produtoras adheridas a ERPE, cun 34,62% da cota de mercado a nivel nacional, puxeron en circulación, en 2018, un total de 4.422 toneladas de pilas e acumuladores portátiles, cifra equivalente a máis de 190 millóns de unidades.
- ERP España sinala que utiliza medidas de trazabilidade que permiten un exhaustivo control dos residuos de pilas e baterías desde o punto de recollida ata o seu tratamento nas plantas correspondentes.
Cerceda, a 1 de marzo de 2019.- European Recycling Platform (ERP) recolleu o pasado ano en España máis de 2.000 toneladas de residuos de pilas e acumuladores portátiles, unha cifra que supera, cun índice do 45,36%, o obxectivo legal de recollida marcado pola Unión Europea para este tipo de materiais, que foi incrementado en 2016, subindo do 25 ao 45%. O índice de recollida identifica a porcentaxe entre o volume recollido e a media posta no mercado durante os últimos tres anos. Non obstante, o Estado Español modificou en 2015 o Real Decreto de pilas e acumuladores, así como a xestión ambiental dos seus residuos para, entre outras cuestións, incrementar este índice de recollida en cinco puntos ata alcanzar o 50% no ano 2021.
As empresas produtoras adheridas a ERPE, cun 34,62% da cota de mercado a nivel nacional, puxeron en circulación, en 2018, un total de 4.422 toneladas de pilas e acumuladores portátiles, cifra equivalente a máis de 190 millóns de unidades.
Conforme a un estudo recente promovido por Öko-Institut eV para a Comisión Europea, na actualidade só a metade dos países da UE estarían cumprindo o obxectivo mínimo de recollida e reciclado de pilas, acumuladores e baterías usadas establecido, tal e como se sinalou anteriormente, no 45%.
Polo tanto, resulta prioritario realizar un esforzo conxunto, e desde a responsabilidade compartida (SCRAP, operadores e consumidores), para dar debido cumprimento a ese obxectivo do 50% establecido para dentro de dous anos, recordando o gran potencial tóxico que aglutinan estes refugallos, que, xunto a pinturas, disolventes e aerosois, constitúen o residuo doméstico máis perigoso para a nosa contorna e a saúde.
Neste sentido, ERP España sinala que utiliza medidas de trazabilidade que permiten un exhaustivo control dos residuos de pilas e baterías desde o punto de recollida ata o seu tratamento nas plantas correspondentes. Este sistema permite eliminar os riscos asociados a este tipo de refugallos, garantindo a correcta xestión dos mesmos, dando o tratamento correspondente aos compoñentes perigosos e reutilizando aqueles máis escasos e custosos de extraer, o que, sen dúbida, contribúe a reducir a explotación dos xa escasos e limitados recursos naturais.
É preciso recordar, a modo de exemplo, que unha soa pila botón pode chegar a contaminar ata 600.000 litros de auga.
Os SCRAP (Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Produtor) son organizacións sen ánimo de lucro constituídas por fabricantes e importadores de pilas e baterías co fin de garantir a correcta xestión destes residuos, unha vez esgotada a súa vida útil. ERP España é o único SCRAP panaeuropeo que opera no noso país
Fonte e imaxe: European Recycling Platform
Saúdos, Departamento de Comunicación