- Non todos os plásticos se poden depositar neste recipiente, senón unicamente os envases e envoltorios de plástico de carácter doméstico, ademais das latas e os briks
- O destino dos xoguetes de plástico, biberóns e chupetes, utensilios de cociña e cubos de plástico, debe ser o punto limpo municipal ou ben o contedor da fracción resto
Cerceda, a 14 de xaneiro de 2025.- Aínda que en moitas ocasións asóciase o contedor amarelo co depósito de plásticos en xeral, debe terse en conta que este recipiente acolle unicamente envases e envoltorios de plástico de carácter doméstico (isto é, botellas de plástico, incluíndo o seu tapón, produtos de hixiene e limpeza, como deterxentes, suavizantes ou tubos de pasta de dentes, envases de iogur ou cremas, incluíndo a súa tapa, bandexas de plástico, envoltorios feitos de papel filme, e bolsas de plástico), ademais de latas e briks.
Con todo, hai erros que seguen a persistir no tempo debido á confusión existente respecto a determinados residuos. Neste sentido, é preciso clarificar que non van ao contedor amarelo materiais tales como xoguetes de plástico, biberóns e chupetes, utensilios de cociña e cubos de plástico. O seu destino debe ser o punto limpo municipal ou ben o contedor da fracción resto. E se os xoguetes se atopan en bo estado, poden doarse a organizacións sociais para que nenos/as sen recursos teñan a oportunidade de gozar dos mesmos.
Outros materiais que tamén poden xerar dúbidas, e que non poden ir ao amarelo, son o papel plastificado usado en carnicerías e peixarías, tupperwares, cápsulas de aluminio de café, moldes de silicona para cociñar, termos, caixas de CD’s e DVD’s, carcasas de vídeos de VHS e cintas de casete, moedeiros e carteiras, bolígrafos, sacapuntas, chisqueiros, materiais de plástico de cadros ou fotografías, envases de medicamentos ou neceseres.
Ante calquera dúbida, Sogama dispón dun buscador de residuos en liña “Onde vai” no que se identifica o contedor no que debe depositarse cada refugallo para garantir a súa correcta reciclaxe https://ondevai.sogama.gal/ga
Unha vez que os envases do contedor amarelo son recollidos por parte dos servizos municipais, transpórtanse ata a planta de transferencia máis próxima, dende onde se trasladan, en contedores de gran capacidade, á planta de clasificación sita no Complexo industrial de Sogama en Cerceda. Alí, os envases son seleccionados por tipoloxías, prensados e embalados para enviar aos centros recicladores, onde se converten en novas materias primas que se incorporan ao circuíto comercial cunha nova vida.
O proceso de reciclaxe permite así aforrar enerxía e recursos, conforme aos principios da economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación