- Estímase que hai preto de 2.000 satélites operativos no espazo e máis de 3.000 fóra de servizo.
- Unha problemática que se agravará os próximos anos debido ás múltiples megaconstelacións formadas por centos ou incluso milleiros de satélites en órbita baixa terrestre que, previsiblemente, proporcionarán telecomunicacións e servizos de vixilancia de gran cobertura e baixa latencia.
- Estudos da NASA e a ESA mostran que a única maneira de estabilizar a contorna orbital é eliminando activamente os residuos de gran tamaño.
Cerceda, a 27 de decembro de 2019.- A problemática que entraña o lixo espacial agrávase. O motivo son os preto de 2.000 satélites operativos no espazo e máis de 3.000 fóra de servizo. Así o manifesta Luc Piguet, fundador e CEO de ClearSpace, empresa promovida por un experimentado equipo de investigadores especializados en residuos espaciais con base no instituto de investigación da Escola Politécnica Federa de Lausa (EPFL).
Piguet sinala que, nos próximos anos, o lixo espacial irá a máis debido ás múltiples megaconstelacións formadas por centos ou incluso milleiros de satélites en órbita baixa terrestre que, previsiblemente, proporcionarán telecomunicacións e servizos de vixilancia de gran cobertura e baixa latencia.
Co respaldo do novo programa de Seguridade Espacial da ESA, o obxectivo é contribuír activamente á limpeza do espazo e, ao mesmo tempo, evidenciar a necesidade de contar con tecnoloxías axeitadas para a eliminación do lixo presente no mesmo.
Jan Wörner, director xeral da ESA, exemplifícao perfectamente: “Basta imaxinar o perigoso que sería navegar en alta mar se todos os barcos perdidos na historia aínda estivesen flotando na auga; esa é a situación actual en órbita e non podemos deixar que continúe así”, ao que engandiu que “Os Estados membros da ESA mostraron o seu firme apoio a esta nova misión, que tamén marca o camiño que debemos seguir no futuro no relativo a novos servizos comerciais”.
Pola súa banda, Luisa Innocenti, responsable da iniciativa Espazo Limpo da ESA, asegura que “Aínda que mañá se detivesen todos os lanzamentos ao espazo, as proxeccións mostran que a poboación total de refugallos orbitais seguirá crecendo, xa que as colisións entre obxectos xeran novos residuos mediante un efecto en cascada. De aí a necesidade de desenvolver tecnoloxías que eviten a creación de novos residuos e que permitan retirar os xa existentes”.
Indicou tamén que “Estudos da NASA e a ESA mostran que a única maneira de estabilizar a contorna orbital é eliminando activamente o lixo de gran tamaño, polo que imos seguir desenvolvendo as tecnoloxías esenciais de guiado, navegación e control, así como métodos de encontro e captura mediante un novo proxecto denominado ADRIOS (Eliminación Activa de Residuos/Servizos en Órbita). Os resultados aplicaranse a ClearSpace-1. Esta nova misión, implementada por un equipo da ESA, permitirá demostrar estas tecnoloxías e constituirá un fito histórico mundial”.
Fonte e imaxe: ESA
Saúdos, Departamento de Comunicación