- Recibiu o galardón de mans da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional polo seu proxecto “Unha segunda oportunidade”, no marco do cal os alumnos elaboran bolsas reutilizables a partir de restos téxtis.
- Unha iniciativa na que cobra especial protagonismo a educación en valores e a preparación dos internos para a súa posterior reinserción social e laboral.
Cerceda, a 9 de marzo de 2020.- A Escola de Adultos do Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo), dirixida por Pedro Cantero, foi premiada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no marco das súas boas prácticas vinculadas á educación inclusiva.
Un dos proxectos que contribuíron en maior medida a este galardón foi “Unha segunda oportunidade”, no marco do cal os alumnos elaboran bolsas reutilizables a partir de artigos téxtis fóra de uso no centro tales como batas de enfermería e pantalóns vaqueiros.
A iniciativa, desenvolvida baixo a titoría da profesora Lucía Rodil e a supervisión de Pedro Cantero, constitúe todo un exemplo de sostibilidade ao integrar a reutilización, esencial na xestión sostible dos residuos e na protección ambiental, o traballo en equipo, a creatividade, a innovación e a orixinalidade.
As bolsas fabricadas na Escola de Monterroso teñen un distintivo especial, o da “Rinserción”, que evidencia o bo facer a través dun innovador proxecto con múltiples beneficios, entre os que cobran especial protagonismo a educación en valores e a preparación dos internos para a súa posterior reinserción social e laboral.
Este recoñecemento súmase a outros moitos nos que a Escola de Adultos deste centro penitenciario foi sempre un referente. A súa fórmula é sinxela e, ao mesmo tempo, complexa: reeducar potenciando o mellor de cada interno, modelando aquilo que poida limitar a súa incorporación á sociedade e, sobre todo, impregnando con boas doses de ilusión o día a día dun camiño pedregoso do que se pode saír desde o respecto ás normas básicas da convivencia.
EN CLAVE ECOLÓXICA
Ecoloxía e valores sociais fúndense nun centro que xa desenvolveu outros programas exemplares como é o caso da reciclaxe da materia orgánica en orixe a través da súa compostaxe, o cultivo dunha horta na que se visualizan os froitos do esforzo, a elaboración artesanal dun invernadoiro con milleiros de botellas plásticas de auga fóra de uso e unha acción exemplar para reducir o desperdicio alimentario “A comida non se tira”, coa que lograron diminuír a cantidade de comida que acababa no cubo de lixo nun 30%, aproveitando as actividades contempladas no mesmo para formar aos internos nas vantaxes que unha dieta equilibrada reporta para a saúde e o benestar .
O tirón destas iniciativas levoulles a editar dous libros: “O Horto Ecolóxico”, onde deron conta do traballo investido no cultivo de determinados produtos, e “Saboroso reciclaxe”, un recopilatorio de receitas de cociña con sobras nas que, dado o carácter multicultural dos alumnos, resultou do máis exitoso.
A escola monterrosina, baixo a batuta de Pedro Cantero, seguirá colleitando novas iniciativas, movida sempre pola máxima de que é posible un mundo mellor para os seus pupilos.
Saúdos, Departamento de Comunicación