- Son tres dos 24 centros seleccionados no seu momento para participar no programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
- Recentemente, e no marco desta iniciativa, recibiron sesións formativas impartidas por educadores ao servizo desta empresa pública.
- O obxectivo é inculcar entre a comunidade educativa as boas prácticas na correcta xestión dos residuos urbanos, incidindo na prevención e a redución, na reutilización e na reciclaxe.
Cerceda, a 21 de febreiro de 2022.- Escolares do CEIP Roberto Blanco Torres da Peroxa, do CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro do Carballiño e de Nais Franciscanas de Ourense, recibiron, da man de Sogama, clases específicas sobre xestión sostible de residuos urbanos.
Esta formación enmárcase no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta, e no que participan un total de 24 centros de primaria de toda Galicia, entre os que se atopan estes tres ourensáns.
O obxectivo deste programa é inculcar entre a comunidade educativa as boas prácticas na correcta xestión dos residuos urbanos, incidindo na prevención e a redución, a través dun consumo responsable; na reutilización, alongando a vida útil dos produtos ata a súa conversión en refugallos; e na reciclaxe, separando previamente os materiais por tipoloxías e depositándoos nos contedores específicos de recollida selectiva para que poidan ser convertidos en novas materias primas e se reintroduzan no circuíto comercial cunha nova vida.
Nestes momentos, todos os colexios adscritos a esta iniciativa atópanse desenvolvendo os seus proxectos baixo a supervisión e apoio desta empresa pública. “Pechando a cadea”, “Patrullas verdes” e “Erre que erre coa ecoloxía”, son os títulos dos traballos acometidos polos centros da Peroxa, O Carballiño e Ourense cidade respectivamente.
MEDIOS MATERIAIS E DIDÁCTICOS
Para que poidan levar a cabo os seus traballos, Sogama dotounos no seu momento cos medios materiais e divulgativos necesarios. É o caso das illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores con capacidade para 120 litros (amarelo, azul e verde) a fin de que os pequenos introduzan nos mesmos os residuos xa clasificados e, desta forma, propicien o seu posterior reciclado.
Ademais, aqueles que dispoñen de servizo de comedor, ou ben xeren unha cantidade relevante de materia orgánica, así como de terreo, recibiron un composteiro co que elaborar compost, un abono natural de alta calidade que poderán aplicar na súa horta ou xardín, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Os educadores de Sogama están ao servizo dos 24 centros durante todo o curso. Tras realizar unha visita de diagnóstico no primeiro trimestre, abordaron o segundo coa impartición de sesións formativas, prevendo novas visitas a todoseles co fin de avaliar o desenvolvemento dos seus proxectos, corrixir posibles erros e propoñer melloras.
Os centros deberán presentar no seu momento, a través da aplicación informática do Plan Proxecta, unha memoria de actividades que será valorada, avaliada e cualificada por representantes de Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación