- Alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria tomaron boa nota do tratamento que reciben os residuos que chegan ao Complexo industrial de Cerceda e da importancia que ten a súa colaboración previa a través da prevención, a reutilización e a reciclaxe
Cerceda, a 20 de marzo de 2024.- Escolares de 3º e 4º de primaria do CPR Nuestra Señora del Rosario, pertencente ao municipio coruñés de Arzúa, desprazáronse esta semana a Cerceda para tomar boa nota do tratamento que reciben os residuos producidos no seu concello, xa que é un dos 295 de toda Galicia que están adheridos ao sistema de xestión impulsado por esta empresa pública.
Recibiron na sede de Sogama unha sesión formativa na que monitores especializados explicaron de forma moi detallada o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), salientando a necesidade de que estes se poñan en práctica cada día polos cidadáns para avanzar cara á sostibilidade. Pero, tal é o compromiso da comunidade educativa deste centro, que mesmo fabricaron artesanalmente os seus propios contedores para recoller de forma diferenciada os refugallos producidos e contribuír así á súa reciclaxe.
Os pequenos son conscientes da chegada do contedor marrón ás rúas, destinado a acoller a materia orgánica, e a importancia que ten separar esta fracción nos fogares para posibilitar a súa posterior conversión en compost, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo, resultando de gran utilidade no sector da agricultura e a gandería.
Logo desta introdución, movéronse virtualmente polas instalacións do Complexo industrial de Sogama a través de lentes inmersivos 360º, toda unha experiencia coa que puideron aprender e gozar. E, como colofón, competiron entre eles cos xogos Arcade Trash &Fourius, onde puxeron a proba as súas destrezas na selección de residuos.
Unha xornada de traballo e lecer que lles servirá tamén para coñecer o traballo de Sogama desde a máxima transparencia.
Saúdos, Departamento de Comunicación