- Equipados con lentes inmersivos 360º, adentráronse nas distintas instalacións polas que discorren os residuos para ser tratados
- De forma unánime, cualificaron o percorrido como especialmente emocionante, didáctico e divertido
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2024.- Esta semana, preto de 80 escolares de educación primaria do CEIP Milladoiro de Malpica e do CEIP Baíñas de Vimianzo, desprazáronse á sede de Sogama en Cerceda para experimentar a visita virtual que a empresa instaurou nas súas dependencias e a través da cal se pode visualizar, con todo luxo de detalle, o tratamento que reciben os residuos municipais procedentes de 295 concellos galegos.
Equipados con lentes inmersivos 360º, os pequenos camiñaron e voaron pola planta de clasificación de envases, a de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, a planta de elaboración de combustible, a de coxeración e a termoeléctrica, onde se produce electricidade a partir da fracción non reciclable.
A experiencia foi cualificada polo alumnado como especialmente emocionante, didáctica e divertida ao permitirlles seguir o camiño polo que discorre o residuo desde que entra en Sogama ata que sae convertido en recurso, ben en forma de material para ser reciclado por parte da industria transformadora, ben como enerxía eléctrica.
Tanto os escolares de Malpica como os de Vimianzo mostráronse moi participativos e interesados na xestión desta empresa pública, superando con vantaxe as distintas probas de coñecemento deseñadas polos educadores. Tanto é así que mesmo se deu o caso dun alumno que respondeu correctamente a todas as preguntas, algunhas delas complicadas, formuladas polos monitores.
Máis aló da visita virtual, os integrantes de ambos os dous colectivos tiveron tamén a oportunidade de xogar coas máquinas Arcade de recollida selectiva e facer un itinerario en autobús polo Complexo Medioambiental, onde formularon dúbidas e fixeron numerosos comentarios.
En definitiva, dous grupos moi comprometidos co medio ambiente, apaixonados da reciclaxe e auténticos embaixadores das boas prácticas nos seus respectivos municipios.
Saúdos, Departamento de Comunicación