- Trátase do CEIP Igrexa Chapela, de Redondela, e do IES Pedra de Auga, de Ponteareas, que acollerán charlas sobre xestión sostible de residuos urbanos os días 16 e 17 de decembro respectivamente.
- Atendendo ao nivel educativo e particularidades de cada centro, abordaranse temáticas comúns tales como a problemática asociada á elevada produción de lixo, formas de combatila, como implementar cada día o principio dos tres erres e cal é a actividade de Sogama na nosa comunidade.
- Tamén se prestará atención ao desperdicio alimentario e á compostaxe da materia orgánica, un programa que Sogama lidera en Galicia con 330 entidades adheridas e máis de 11.200 composteiros distribuídos.
Cerceda, a 11 de decembro de 2019.- Escolares pontevedreses do CEIP Igrexa Chapela de Redondela e do IES Pedra da Auga, de Ponteareas, serán formados a próxima semana por educadores de Sogama na xestión sostible dos residuos urbanos.
No caso de Redondela, a xornada terá lugar o luns 16 e, no de Redondela, ao día seguinte, o 17 de decembro.
Atendendo ao nivel educativo e particularidades de cada centro, abordaranse temáticas comúns tales como a problemática asociada á elevada produción de lixo, formas de combatila, como implementar cada día o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) e como separar correctamente os refugallos en orixe para garantir o seu posterior reciclado e, xa que logo, o aforro de enerxía e materias primas.
Así mesmo, explicarase a actividade de Sogama en relación ás dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia (bolsa amarela e bolsa negra). No caso da primeira, leva a cabo unha clasificación dos materiais que a conforman por tipoloxías para ser remitidos á industria transformadora e, respecto da segunda, selecciona, a través de tecnoloxías de última xeración, os residuos reciclables contidos no lixo en masa, transformando a parte non reciclable en enerxía eléctrica. De feito, esta empresa pública xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Falarase tamén da ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que xa conta con capacidade para tratar un millón de toneladas anuais de residuos urbanos, é dicir, prácticamente todos os que produce Galicia, así coma os beneficios que reportará en dous aspectos fundamentais da economía circular: maior achega á reciclaxe e menor uso do vertedoiro, posibilitando que Sogama alcance o vertido técnico cero en 2020, 15 anos antes do estipulado polo Parlamento Europeo para os Estados membros.
DESPERDICIO ALIMENTARIO E COMPOSTAXE DOMÉSTICA
Desgranaranse igualmente as boas prácticas para diminuír o desperdicio de comida, xa que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban refugados.
O fogar, cun 42%, constitúe o ámbito que máis contribúe a este fenómeno, sendo o pan, a pasta, as verduras e as froita,s os alimentos que acaban con maior frecuencia no cubo do lixo.
Desta forma, proporcionaranse as pautas para levar a cabo un consumo responsable, revisar a neveira e a despensa para dar prioridade de saída aos produtos máis antigos, facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, que teñen as mesmas propiedades nutritivas que os guapos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para novos menús.
No caso da parte non comestible, xunto cos restos vexetais, un boa opción para a súa valorización é a compostaxe doméstica, obtendo a partir desta fracción un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes.
Sogama lidera en Galicia un programa de autocompostaxe ao que están adheridas preto de 330 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais) entre as que repartiu de forma gratuita da orde de 11.200 compostadores.
Saúdos, Departamento de Comunicación