
- Tratábase de medio cento de estudantes, de entre 14 e 16 anos, procedentes de Polonia, Estonia, Suecia, Romanía, Italia e España
- O obxectivo do proxecto é comparar os modelos de xestión de residuos nos distintos Estados e buscar conxuntamente iniciativas e accións que axuden á cidadanía a aplicar o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar)
- Todos eles puideron aprender e gozar, na sede de Sogama, cun itinerario virtual, presentacións e xogos
Cerceda, a 24 de febreiro de 2025.- No marco dun proxecto Erasmus denominado “Zero waste” e no que participa o IES de Canido (Ferrol), un total de 50 estudantes de entre 14 e 16 anos, procedentes de seis países europeos (Polonia, Estonia, Suecia, Romanía, Italia e España), visitaron en días pasados o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer o tratamento que se dispensa aos residuos producidos polos 295 concellos adheridos ao seu sistema, e que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes.
O principal obxectivo de “Zero waste” é comparar os modelos de xestión de residuos nos distintos Estados e buscar conxuntamente iniciativas e accións que axuden á cidadanía a reducir a produción de refugallos, pero tamén a alongar a vida útil dos produtos, a través da reutilización, e a recuperalos, vía reciclaxe, mediante a segregación dos mesmos en orixe e posterior depósito nos contedores axeitados.
Trátase dun proxecto de intercambio a través do cal se pretende coñecer a cultura ambiental de todos os países implicados e aproveitar os encontros para intercambiar coñecementos e experiencias a partir das cales propoñer posibles melloras nos distintos territorios.
Presentación, percorrido virtual e xogos
Os participantes na visita puideron coñecer os pormenores da actividade de Sogama a través da presentación realizada polo equipo de educadores, reforzada con distintos recursos didácticos, e un itinerario virtual co que tiveron a oportunidade de ver, con lentes inmersivos 360º, a operativa industrial da Sociedade, así como o labor de cada unha das plantas que conforman o Complexo: a de clasificación, onde se separan por tipoloxías os materiais que conforman a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) para a súa remisión aos centros recicladores, e a de recuperación da bolsa negra (fracción resto), na que se segregan aqueles residuos que aínda poden reciclarse, malia terse depositado erroneamente no contedor xenérico, para enviar á industria transformadora, acondicionando, coa parte non reciclable, un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para a produción de enerxía eléctrica renovable. Desta forma evítase a súa vertedura, a opción máis perniciosa para o medio ambiente e a saúde pública.
A xornada complementouse con xogos, tanto físicos como virtuais, cos que o grupo puido afianzar o apreso.
Saúdos, Departamento de Comunicación