- As consultas dos alumnos do IES Terra de Soneira centráronse especialmente no contedor amarelo e no punto limpo
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2024.- Escolares de 1º de ESO do IES Terra de Soneira, pertencente ao Concello de Vimianzo (A Coruña), puideron solucionar as súas dúbidas sobre a recollida selectiva de residuos coa axuda dos educadores de Sogama, que se desprazaron no seu momento a este centro para impartir unha sesión formativa na que, máis aló da reciclaxe, abordouse a importancia de reducir a produción de residuos en orixe e de promover a reutilización dos produtos o maior número de veces posible antes de ser convertidos en refugallos.
Así mesmo, detalláronse os materiais a introducir nos distintos contedores que os cidadáns teñen a disposición nos seus concellos, concentrando o contedor amarelo e o punto limpo o maior número de dúbidas. No primeiro caso, cabe lembrar que o recipiente amarelo está destinado a acoller envases de plástico, latas e briks, e que o punto limpo é un recinto pechado ao que a veciñanza debe levar aqueles residuos para os que non hai contedor a pé de rúa. É o caso dos voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos, pinturas, fluorescentes, etc.
Tamén se falou do cometido de Sogama en Galicia e incidiuse especialmente na importancia que ten a colaboración da poboación para que a xeración de residuos non continúe á alza e para incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade. Se non hai unha selección previa dos distintos materiais nos fogares e estes acaban mesturados, a posibilidade de recuperalos para ser convertidos en novas materias primas, verase notablemente minorada ou será nula, perdéndose todos os beneficios da reciclaxe: aforro ambiental, económico e de materias primas.
Saúdos, Departamento de Comunicación