- A través dunha experiencia virtual con lentes inmersivos 360º, puideron adentrarse nos procesos industriais de tratamento de residuos
Cerceda, a 22 de marzo de 2024.- Onte, coincidindo co inicio da primavera e coa conmemoración do Día Mundial da Árbore, preto de medio cento de escolares de 5º e 6º de primaria do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove, visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer en primeira persoa a actividade desta empresa pública e indagar no tratamento que reciben os residuos producidos no seu centro e fogares.
Logo dunha explicación xenérica a cargo de educadores especializados na que se abordaron cuestións de gran relevancia tales como a problemática que representa a elevada xeración de refugallos nas sociedades modernas, o consumo responsable, consciente e informado, así como a necesidade de poñer en práctica o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como primeiro elo na xestión sostible dos residuos municipais, os pequenos tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual con lentes inmersivos 360 polas distintas instalacións que conforman o complexo industrial cercedense. Desta forma, pudieron coñecer polo miúdo os procesos industriais, orientados á reciclaxe da parte susceptible de ser recuperada por esta vía e á valorización enerxética da fracción non reciclable.
Finalizado o percorrido virtual, puxeron a proba o apreso nunhas máquinas de xogos Arcade, onde competiron na correcta selección de residuos e contedor de destino para cada tipoloxía.
Gañador do concurso “Recíclate con Sogama”
Cabe lembrar que o CEIP Pedro Caselles Rollán veu participando en sucesivas edicións do programa “Recíclate con Sogama”, tendo xa unha gran bagaxe nesta iniciativa, orientada a instaurar a reciclaxe nas aulas. Igualmente, e no marco do mesmo, proclamouse gañador en varias ocasións do concurso de carteis de reciclaxe, destacando polas súas mensaxes de concienciación social, as súas destrezas artísticas e a súa elevada sensibilidade ambiental,
Saúdos, Departamento de Comunicación