
- Medio cento de alumnos/as de 3º de primaria tiveron a oportunidade de adentrarse nas distintas fases de tratamento ao que son sometidos os residuos para ser reciclados ou valorizados enerxeticamente, no caso dos non reciclables
Cerceda, a 14 de abril de 2025.- Medio cento de escolares de 3º de Primaria do British International School da Coruña viaxaron recentemente a Cerceda para participar nunha experiencia virtual inmersiva a través da cal tiveron a oportunidade de coñecer o tratamento ao que son sometidas as dúas fraccións de residuos que chegan ao Complexo Medioambiental de Sogama, e que se atopan baixo a competencia desta empresa pública: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e bolsa negra (resto).
Mentres que os materiais que integran a primeira son seleccionados por tipoloxías e remitidos aos centros recicladores para converterse en novos produtos, da segunda extráese aquela parte reciclable que, por erro ou descoñecemento, foi introducida en orixe polo cidadán no contedor xenérico, cando o seu destino debería ser outro recipiente de recollida selectiva. Coa parte non reciclable, a empresa acondiciona un combustible derivado de residuos (CDR) que se valoriza enerxeticamente nunha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica renovable.
Pero a infraestrutura industrial da Sociedade non se circunscribe unicamente ao Complexo cercedense, senón que se complementa cunha rede de 37 plantas de transferencia, distribuídas estratexicamente por todo o territorio galego, e que serven de nódulo de transvasamento do lixo desde os camións de recollida domiciliaria a contedores de gran capacidade, aptos para ser transportados en longas distancias e con todas as medidas de seguridade.
Así mesmo, a entidade conta con catro plantas de compostaxe (unha por provincia) nas que se trata unha terceira fracción, a bolsa marrón, é dicir, a materia orgánica recollida a través do contedor do mesma cor para a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo ao que achega nutrientes e protexe fronte a pragas e enfermidades.
Estudantes comprometidos
A preocupación pola protección do medio ambiente está moi presente no British International School, que mesmo brinda aos estudantes a oportunidade de interactuar con outros nenos de todo o mundo para abordar algúns dos desafíos ambientais que enfronta a humanidade.
Así mesmo, no seu enfoque académico están moi presentes a ecoloxía e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, formando a estudantes comprometidos co mundo, a acción ambiental e os grandes desafíos do noso tempo.
Saúdos, Departamento de Comunicación