- Equipados con lentes inmersivas 360º, seguiron o itinerario dunha bolsa de lixo tipo, cuxos materiais son separados por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado, acondicionando coa parte non reciclable un combustible CDR para producir electricidade
Cerceda, a 12 de decembro de 2024.- Un total de 45 escolares de 3º e 4º de primaria do CEIP Plurilingüe Gándara Sofán, pertencente ao municipio de Carballo (A Coruña), desprazáronse en días pasados ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer a súa actividade e, sobre todo, para ver todos os recunchos desta infraestrutura, incluídos aqueles que, por motivos de seguridade, son inaccesibles nun percorrido físico a pé.
Isto foi posible grazas á viaxe virtual, da que poden gozar todos os colectivos integrados no programa de visitas corporativo. Equipados con lentes inmersivos 360º, realizaron o itinerario dunha bolsa de lixo tipo desde que entra no Complexo cercedense ata que sae, xa clasificada por materiais para enviar aos centros recicladores a fin de que se convertan en novos produtos, ou ben transformada en combustible CDR, no caso da parte non reciclable, propiciando a súa valorización enerxética para a produción de electricidade.
En todo caso, o fin último de Sogama é aproveitar o residuo na súa totalidade e convertelo en recurso, evitando a súa vertedura, a opción máis contaminante e prexudicial para a saúde e o medio ambiente.
Educadores especializados en residuos foron os encargados de explicar a operativa desta Sociedade pública e o labor que os cidadáns deben desempeñar en orixe para incrementar os índices de reciclaxe na nosa comunidade.
Tamén falaron do contedor marrón, destinado a acoller a materia orgánica para producir compost; modalidade na que o Concello de Carballo acumula gran experiencia pola nutrida rede de composteiros domésticos que ten en funcionamento no ámbito rural e por ser pioneiro na implantación do contedor marrón, comprometéndose co seu uso anos antes de que fora obrigatorio por lei.
A xornada en Sogama culminou con xogos, cos que os estudantes puideron competir en coñecementos sobre recollida selectiva de residuos, axilidade e reflexos.
Nos últimos meses tamén visitaron Sogama outros colectivos carballeses tales como Aspaber, veciños en xeral da propia localidade e os centros educativos Fogar e Artai.
Saúdos, Departamento de Comunicación