- Visitaron esta mesma mañá a infraestrutura industrial cercedense para coñecer de preto a súa actividade.
- É un dos 25 centros escolares de primaria seleccionados no seu momento para participar no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2019-2020, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
- O seu proxecto, que leva por título “Erre de Ribadavia e Reciclaxe”, pretende ser un alegato ás boas prácticas cidadás para incrementar as porcentaxes de reciclado e contribuír á protección ambiental.
Cerceda, a 17 de febreiro de 2020.- Escolares do CEIP Plurilingüe Ribadavia (Ourense) viaxaron esta mesma mañá ata Cerceda (A Coruña) para coñecer de preto a actividade industrial de Sogama e adentrarse de forma práctica no tratamento que reciben os residuos que depositan de forma diferenciada nos contedores verdes (lixo convencional) e amarelos (envases de plástico, latas e briks).
Acompañados por educadores da Sociedade, fixeron un percorrido guiado pola infraestrutura central desta empresa pública, onde se lles explicou con detalle o circuíto polo que atravesan ambas fraccións de refugallos para ser convertidas en recursos: a parte reciclable sepárase por tipos de material para enviar aos centros recicladores e, coa non reciclable, acondiciónase un combustible CDR para xerar, dunha forma limpa e respectuosa coa contorna e a saúde, a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
O CEIP Ribadavia é un dos 25 centros escolares de primaria que foron seleccionados no seu momento para participar no programa “Recíclate con Sogama” 2019-2020, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. No marco do mesmo recibiu, de mans desta empresa pública, unha illa de reciclaxe conformada por tres contedores (amarelo, azul e verde) para que o alumnado separe os residuos que xera na escola e propicie o seu reciclado, un hábito que non só pretenden asentar nas aulas, senón extrapolalo tamén ao ámbito familiar e social.
Así mesmo, foi dotado cun compostador no que a comunidade educativa deposita a materia orgánica a fin de convertela en compost, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o chan.
O seu proxecto, que leva por título “Erre de Ribadavia e Reciclaxe”, pretende ser un alegato ás boas prácticas cidadás para axudar a incrementar as porcentaxes de reciclado e contribuír á protección ambiental.
Saúdos, Departamento de Comunicación