- Educadores desta empresa pública impartirán mañá neste centro tres sesións formativas nas que se explicará e argumentará a importancia de xestionar os refugallos de forma sostible para que sexan convertidos en recursos.
- Incidirase na correcta separación dos mesmos en orixe e posterior depósito nos distintos contedores de recollida selectiva para propiciar o seu reciclado.
- Así mesmo, enxalzaranse as bondades da compostaxe da materia orgánica, proceso que permite convertela nun abono natural de alta calidade que actúa como fertilizante do solo, ao tempo que o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Cerceda, a 27 de novembro de 2019.- Ao redor de 150 escolares do CEIP Sigüeiro, pertencente á localidade coruñesa de Oroso, adentraranse mañá nos pormenores da economía circular aplicada a residuos da man de Sogama.
Durante tres sesións, orientadas ao alumnado de 4º a 6º de Primaria, explicarase e argumentarase a importancia que ten a correcta xestión dos residuos para propiciar a súa recuperación e evitar desta forma o inxente consumo de materias primas virxes.
Explicaráselles a necesidade de abandonar o xa obsoleto modelo de economía lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar, e avanzar cara a un circular no que prime o consumo responsable, a prevención, a menor xeración de lixo, a reutilización e a transformación dos residuos en recursos, primando desta forma que os produtos permanezan na economía o maior tempo posible.
Neste sentido, proporcionaránselles as pautas para actuar con racionalidade nos distintos ámbitos da vida (no fogar, na escola, no tempo de lecer), propiciando que visualicen como materiais de valor.
É por isto que se incidirá na separación de refugallos en orixe e correcto depósito dos mesmos nos distintos contedores de recollida selectiva, recordando que o amarelo acolle envases de plástico, latas e briks; o azul, papel e cartón; o iglú verde, envases de vidro; e o contedor verde xenérico, a fracción resto.
Así mesmo, enxalzaranse as bondades da compostaxe da materia orgánica, proceso que permite convertela nun abono natural de alta calidade que actúa como fertilizante dos solos, ao tempo que os protexe fronte a pragas e enfermidades.
A redución do desperdicio alimentario tamén figurará na axenda do día, xa que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados, xerando un grave impacto a nivel social e moral, sobre o peto dos consumidores e emisións de CO2.
A xornada concluirá cunha serie de actividades didácticas e lúdicas nas que se porá a proba os coñecementos adquiridos polos pequenos a fin de afianzalos e lograr desta forma que eles mesmos leven a cabo unha tarefa pedagóxica na súa contorna máis inmediata.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación