- Este centro participou, durante dúas edicións consecutivas, no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e é un dos habituais no calendario anual de visitas recibidas no Complexo industrial.
- Onte estiveron de novo na infraestrutura cercedense, pero esta vez enriquecida con dous alicientes de peso: nova aula medioambiental reformada integramente baixo criterios de sostibilidade e nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, en liña coa industria 4.0.
Cerceda, a 19 de xaneiro de 2020.- O CEIP Illa Verde de Lugo continúa co seu programa de educación ambiental, que alimenta cada ano con novas iniciativas, moitas delas vinculadas á xestión sostible dos residuos.
Non en van, este centro participou, durante dúas edicións consecutivas, no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e é un dos habituais no calendario anual de visitas recibidas no Complexo industrial desta compañía pública.
Onte repetiron a experiencia de visitar a infraestrutura cercedense, pero esta vez enriquecida con dous alicientes de peso: nova aula medioambiental, reformada integramente baixo criterios de sostibilidade e na que se utilizaron materiais reciclados e reciclables, e nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa. Esta instalación, que opera en liña coa industria 4.0, forma parte da ampliación do Complexo, sendo o seu obxectivo separar mecanicamente aqueles materiais reciclables que, por erro ou descoido, foron depositados polos cidadáns no contedor verde xenérico.
Explicóuselles o percorrido que seguen os residuos da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e bolsa negra (non reciclable), as dúas fraccións cuxa xestión está baixo a competencia de Sogama, e incidiuse na importancia de segregar correctamente os refugallos en orixe e depositalos no contedor adecuado para propiciar o seu posterior reciclado e, con iso, o aforro de enerxía e materias primas.
Así mesmo, desgranáronse as boas prácticas vinculadas ao consumo responsable, á redución do desperdicio alimentario e ao maior aproveitamento dos produtos a través da súa reutilización, alongando a súa vida útil.
A ampliación do Complexo de Sogama posibilitou que a capacidade de tratamento desta infraestrutura se incrementase nun 81%, pasando de 550.000 toneladas a 1 millón. Esta mellora propiciará que a compañía aumente de forma significativa a súa achega á reciclaxe e alcance en 2020 o vertido técnico cero, 15 anos antes do establecido polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros
Saúdos, Departamento de Comunicación