- Fixeron unha longa viaxe ata Cerceda (A Coruña) para coñecer o centro de tratamento dos residuos producidos na meirande parte de Galicia
- Xa na sede da empresa pública, tiveron a oportunidade de efectuar un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense.
Cerceda, a 16 de abril de 2024.- Un grupo de 26 escolares de 3º a 6º de primaria dos concellos ourensáns de Riós e Laza, concretamente do CEIP Vendas da Barreira (Riós) e do CEIP O Castiñeiro (Laza), acompañados por 5 docentes, realizaron unha longa viaxe desde as súas respectivas localidades ata Cerceda (A Coruña), para ver o Complexo Medioambiental de Sogama e coñecer de primeira man a súa operativa.
Atendidos por educadores ambientais especializados en residuos, recibiron unha sesión formativa, apoiada por distintos recursos didácticos e divulgativos, e efectuaron un percorrido guiado polas instalacións que conforman o complexo cercedense utilizando realidade virtual.
Equipados con lentes inmersivos 360º, puideron desprazarse, sen moverse do sitio, pola planta de clasificación, onde se reciben os materiais depositados polos cidadáns no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) para ser separados por tipoloxías e remitidos aos centros recicladores. Así mesmo, movéronse pola planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra e a de elaboración de combustible, nas que se selecciona, a través de tecnoloxías de última xeración, aquelas fraccións de refugallos que, polas súas características, poden ser recicladas, acondicionando co resto un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica, onde se xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Espazo lúdico
A visita complementouse cunha parte lúdica na que os pequenos puideron poñer a proba os seus coñecementos sobre reciclaxe. Con tal fin, competiron por parellas nas máquinas de xogos “Trash & Furious”, deixando constancia do seu dominio da recollida selectiva de residuos, ademais das súas habilidades (atención, concentración, rapidez, axilidade, etc).
A xornada concluíu cun coloquio no que tiveron oportunidade de deixar constancia das súas observacións e comentarios, ademais de formular dúbidas, e un percorrido en autobús polo Complexo, comprobando desta forma a súa magnitude.
Saúdos, Departamento de Comunicación