- Pequenos e mozos con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos, e con distintos graos de discapacidade intelectual, recibiron unha clase teórico-práctica sobre xestión sostible de residuos por parte de educadores especializados.
- A charla complementouse con vídeos e xogos orientados a afianzar o apreso, cobrando especial protagonismo a estratexia dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
- Co seu encomiable traballo, a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Psíquica de Bergantiños, contribúe a que estas dispoñan dos apoios necesarios para desenvolver a súa vida con garantías e lograr a súa plena inserción social.
Cerceda, a 28 de febreiro 2019.- Escolares usuarios de ASPABER Carballo (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Psíquica de Bergantiños) visitaron esta mañá o complexo medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) onde se instruíron sobre a forma de xestionar os residuos para diminuír o impacto destes no medio ambiente.
Pequenos e mozos con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos, e con distintos graos de discapacidade intelectual, mostráronse moi interesados pola temática e prestaron especial atención ás prácticas cotiás ligadas ao principio dos tres erres: como reducir a produción de lixo, como reutlizar os produtos para evitar que acaben refugados e como segregar os materiais por tipoloxías para que poidan ser reciclados tralo seu correcto depósito nos diferentes contedores habilitados nas vías públicas.
Coa axuda de educadores especializados ao servizo de Sogama, o grupo recibiu unha clase teórico-práctica amenizada con vídeos e xogos que permitiron reforzar o apreso.
Explicóuselles tamén o gran potencial que alberga a materia orgánica para ser convertida en compost, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo, e a oportunidade que, neste sentido, trae consigo a compostaxe doméstica, presente xa, da man de Sogama, en 295 entidades galegas, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, tendo repartido entre as mesmas preto de 10.000 composteiros.
A maqueta do complexo medioambiental chamou a atención dos visitantes, podendo observar a través da mesma o percorrido que segue o lixo desde que entra nas instalacións ata que acaba convertido en recurso, ben a través da súa reciclaxe, no caso dos refugallos susceptibles de ser reciclados, ben en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclable.
ASPABER leva a cabo un labor encomiable, contribuíndo co seu traballo e dedicación a que as persoas con discapacidade intelectual dispoñan dos apoios necesarios para desenvolver a súa vida con garantías e lograr a súa plena inserción social.
Para levar a cabo o seu cometido, a asociación conta cun centro de día, un centro residencial e un centro ocupacional, ofrecendo igualmente servizos de fisioterapia, atención psicolóxica, traballo social, logopedia, actividades lúdico-deportivas, etc.
Saúdos, Departamento de Comunicación