- Así se desprende dun estudo realizado por Ipsos no marco do Día da Terra e centrado en 28 países.
- Para os españois, o cambio climático, a contaminación do aire e a xestión dos residuos son os tres problemas ambientais máis importantes.
- Así mesmo, o 51% avoga por que se incremente o gasto do goberno para mellorar a gama de produtos reciclables e reducir así o uso innecesario do plástico e envases que non se poden reciclar.
Cerceda, a 25 de abril de 2019.- Segundo un estudo realizado por Ipsos no marco do “Día da Terra”, celebrado o pasado 22 de abril, España, cun 51% é o segundo país máis preocupado polo cambio climático, despois de Xapón, cun 52%.
O estudo contemplou 28 países, isto é, Arxentina, Australia, Bélxica, Brasil, Canadá, Chile, China, Colombia, Francia, Alemaña, Hungría, India, Italia, Xapón, Malaisia, México, Perú, Polonia, Rusia, Arabia Saudita, Serbia, Sudáfrica, Corea do Sur, Suecia, Turquía, Gran Bretaña, Estados Unidos e España.
Os españois consideran que o cambio climático, a contaminación do aire e a xestión dos residuos son os tres problemas ambientais máis importantes e que, polo tanto, deberían concentrar maior atención por parte dos líderes políticos. Pola súa banda, as inundacións, as fontes de alimentos e provedores futuros, e a erosión do solo son os que menos preocupan.
No ámbito da reciclaxe, e tamén no marco deste estudo, preguntouse á poboación que tipo de políticas públicas deberían instaurarse para promovela e atallar os problemas que a limitan: desde aumentar o investimento público para mellorar produtos reciclables ata sancionar ás persoas que non reciclen ou gravar con impostos aos establecementos que non conten con produtos reciclables.
Neste marco, o 51% dos españois avoga por que se incremente o gasto do goberno para mellorar a gama de produtos reciclables como medida efectiva para minimizar os problemas ocasionados polo uso innecesario do plástico e envases que non se poden reciclar. Así mesmo, e a nivel persoal, consideran que as tres accións máis efectivas para superar os problemas neste ámbito serían reutilizar os artigos desbotables, comprar produtos elaborados con materiais reciclados e prescindir dos que non tenañ envases reciclables.
O 20% considera que son os propios consumidores os que deberían desincentivar a xeración de produtos con envases innecesarios, seguidos polas empresas que os producen (16%). Non obstante, o 44% cre que ninguén ten a responsabilidade única nesta cuestión.
Fonte: IPSOS
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación