- Alcanzou unha taxa de reciclado de envases de vidro do 76,8% en 2018, o que supón un incremento de 4,6 puntos respecto de 2017.
- Sitúase por diante de países da contorna como Portugal, Reino Unido, Italia e Francia.
Cerceda, a 18 de decembro de 2020.- Segundo os datos que reportou oficialmente o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITRED) a Eurostat, España alcanzou o 76,8 % de taxa de reciclaxe de envases de vidro en 2018,o que supón un incremento de 4,6 puntos respecto de 2017 (72,2%). Desta forma, o noso país supera a media europea dos 27 (75,8%) e sitúase por diante doutros da contorna tales como Portugal (61,1%), Reino Unido (68,5%), Italia (73,4%) e Francia (76,2%).
A taxa de reciclaxe contabiliza as toneladas de envases que son recicladas (numerador) respecto das toneladas que se poñen cada ano no mercado (denominador). Trátase dun dato oficial que consolida diferentes fontes, das cales a principal é Ecovidrio. A entidade sen ánimo de lucro é a responsable da xestión dos envases que se recollen e son posteriormente tratados a través dos case 300.000 iglús verdes de todo o país. Este volume, sumado aos proxectos de recuperación da entidade en plantas de residuos urbanos, supoñen en torno ao 80% do total das toneladas que conforman a taxa.
O sistema de reciclaxe de envases de vidro en España foi distinguido como caso de éxito no seo da Unión Europea, xa que experimentou crecementos de case 13 puntos en seis anos. Se ben estas cifras poñen de manifesto que o hábito de levar o vidro ao contedor verde está consolidado entre a cidadanía, o noso país debe aspirar aos niveis dos máis recicladores de vidro. É o caso de Bélxica (100%), Luxemburgo (98,3%) ou Suecia (92,7%), que teñen taxas superiores ao 90% e foron alcanzadas a través do sistema contedor.
CONTRIBUCIÓN Á ECONOMÍA CIRCULAR
A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático. Ademais, apoia o cumprimento da Axenda 2030 e ata seis Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente no obxectivo (11) Cidades e comunidades sostibles, (12) Produción e consumo responsables e (13) Acción polo clima.
Fonte e imaxe: Ecovidrio