-
A día de hoxe, e grazas á reciclaxe, máis do 75% do aluminio producido fai máis dun século segue en uso
-
A Directiva Europea 2018/852 do Parlamento e do Consello establece que, en 2025, debe reciclarse o 50% dos envases de aluminio e, en 2030, o 60%
Cerceda, a 19 de xullo de 2024.- Conforme á nova metodoloxía de medición establecida pola Directiva (UE) 2018/852 e desenvolvida pola Decisión 2019/665 (todo o aluminio recuperado contabilízase libre de impurezas), España reciclou, en 2023, 79.957 toneladas de envases de aluminio a través de distintos fluxos tales como plantas de selección, plantas de Residuos Urbanos (RU), recollidas selectivas fóra do fogar, recuperadores de residuos e escorias de incineradora. Esta cifra supón un 52,2 % do total de envases de aluminio postos no mercado.
A Directiva Europea 2018/852 do Parlamento e do Consello establece que, no ano 2025, debe reciclarse o 50% dos envases de aluminio e, en 2030, o 60%. Grazas ao esforzo dos cidadáns que cada día depositan máis envases de aluminio no contedor amarelo e á optimización das plantas de selección, xa se puido alcanzar o obxectivo previsto para o 2025 e agora Arpal (Asociación para a Reciclaxe de Produtos de Aluminio) centrou os seus esforzos en conseguir superar o 60% no 2030.
A Asociación realiza cada ano un estudo para coñecer as toneladas de envases de aluminio recuperadas en plantas xestoras de residuos. Os datos recollidos no mesmo complementan os ofrecidos por ECOEMBES (os envases de aluminio recuperados a través do contedor amarelo, de plantas de residuos e compostaxe, e de recollidas selectivas fóra do fogar) e xuntos conforman a publicación que cada ano realiza Arpal sobre a taxa de reciclaxe de envases de aluminio. Este estudo conta coa colaboración da Federación Española da Recuperación (FER) e de Ecoembes, e pode consultarse na web www.aluminio.org. Todos os datos obtidos son auditados por empresas certificadas.
Arpal leva máis de tres décadas contribuíndo a dar unha nova vida ao aluminio e, con tal fin, xa realizou centos de actividades. Dada a importancia da reciclaxe deste material para o medio ambiente e a economía, todo o aluminio que se recupera recíclase, xa que constitúe unha excelente materia prima para a fabricación de novos produtos, pois no proceso de reciclaxe non cambian as propiedades. De feito, o 75% de todo o aluminio que se fabricou desde hai 100 anos atópase actualmente en uso, en forma de diversos produtos, grazas á reciclaxe.
Outra vantaxe da reciclaxe de aluminio é o aforro do 95% da enerxía necesaria para producilo a partir do mineral bauxita.
Fonte: ARPAL
Imaxe: Pexels