- Así o expuxo Héctor Barco Cobalea en Santiago de Compostela con motivo da súa participación na xornada sobre biorresiduos e economía circular promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
- Advertiu que o desperdicio alimentario ten lugar en todas as etapas da cadea agroalimentaria e aportou interesantes cifras para coñecer con máis precisión o alcance dun problema con serias consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais.
- Precisou que desperdiciar un alimento significa desperdiciar todos os recursos necesarios para a súa produción (terra, auga, combustible, transporte, o traballo dos propios agricultores, etc).
Cerceda, a 28 de marzo de 2019.- “No mundo desperdícianse entre 1.300 e 1.600 millóns de toneladas de alimentos ao ano”. Con esta arrepiante cifra abría Héctor Barco Cobalea, experto en desperdicio alimentario e Doutorando na Facultade de Enxeñería da Universidade de Deusto, a xornada sobre biorresiduos e economía circular celebrada o pasado martes, 26 de marzo, en Santiago de Compostela da man da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Baixo o título “Análise do actual despilfarro de alimentos e as súas consecuencias ambientais”, Barco Cobalea nutriu a súa intervención con innumerables datos e referencias que invitaron á reflexión do público: cada persoa tira anualmente ao lixo 190 quilos de comida en bo estado ou, o que é o mesmo, un de cada tres quilos de alimentos.
Non obstante, e aínda que se poida pensar que este fenómeno afecta de forma maioritaria á fase de consumo, advertiu que o desperdicio alimentario ten lugar en todas as etapas da cadea agroalimentaria: produción, manufactura, distribución e consumo.
O relator quixo ir máis aló e aportou ata cifras por tipos de alimentos: despilfarramos ao redor do 30% da produción mundial de cereais, é dicir, a mesma cantidade que se enviásemos ao lixo 763.000.000.000 de paquetes de pasta cada ano; unha porcentaxe que sobe ao 45% no caso das froitas e verduras, así como no de tubérculos e raíces. Respecto da carne, desperdiciamos o 20%, o equivalente a enviar ao lixo cada ano 75.000.000 de vacas.
Todo isto, tal e como sinalou, xera preocupantes impactos ambientais que se traducen en menor dispoñibilidade de alimentos; en emisións de gases de efecto invernadoiro (de feito, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro emisor, logo de China e Estados Unidos); en gasto de auga que, traducido en pegada hídrica azul, representa da orde de 250 km3,cantidade equivalente á que verte ao mar o río Volga (o máis longo e caudaloso de Europa) nun ano; e en ocupación de terra, sendo o segundo país do mundo, logo de Rusia, coa particularidade de que o 78% das áreas de cultivo do mundo utilízase para producir pienso co que alimentar ao gando, dando lugar a unha importante perda de biodiversidade.
Desperdiciar un alimento significa desperdiciar todos os recursos necesarios para a súa produción (terra, auga, combustible, transporte, o traballo dos propios agricultores, etc). Polo tanto, estamos ante un problema ambiental, económico, social e moral do que debemos tomar conciencia e en cuxa solución debemos participar todos.
Coñecer o seu alcance e as súas dimensións grazas a expertos na materia como Héctor Barco Cobalea constitúe un excelente punto de partida para pasar á acción.
Saúdos, Departamento de Comunicación