- Así se pronunciou no programa radiofónico “Ecovoz” María Sabas, Xefa de Sección de Xestión Ambiental da Deputación de Ourense.
- Tal e como sinalou, os obxectivos europeos en materia de residuos e as directrices establecidas pola Xunta de Galicia constitúen a folla de ruta do ente provincial.
- Promocionan a compostaxe doméstica desde o ano 2010 e, desde 2013, desenvolven conxuntamente con Sogama un plan de acción.
- En total, realizaron catro campañas a través das cales repartiron 2.100 composteiros, levando a cabo de forma paralela a correspondente formación e tamén o seguimento.
- Nestes momentos, están a traballar no deseño dunha experiencia piloto para a recollida de residuos orgánicos a grandes xeradores da provincia como é o caso de centros escolares, bares, restaurantes, etc.
Cerceda, a 26 de abril de 2019.- A xestión sostible dos residuos urbanos foi desde sempre unha prioridade para o Departamento de Medio Ambiente da Deputación de Ourense. Así o corroborou no programa radiofónico Ecovoz María Sabas, Xefa de Sección de Xestión Ambiental nesta institución, sen esquecer, tal e como sinalou, outras preocupacións tales como o ciclo integral do auga e a conservación e mantemento de zonas verdes.
Os obxectivos en materia de residuos que emanan desde Europa, a través da Directiva Marco, así como desde a Xunta de Galicia, constitúen a folla de ruta do ente provincial e, neste novo escenario, cobra peso a correcta xestión dos biorresiduos. De aí que a Deputación ourensá trate de reducir a cantidade de materia orgánica contida na bolsa negra que os cidadáns depositan no contedor verde convencional. Un novo paradigma que levou ao Departamento de Medio Ambiente a seguir apostando de forma decidida pola compostaxe doméstica; un modelo que, tal e como sinalou Sabas, pode actuar como complemento á implantación do denominado quinto contedor ou ben dotalo dun carácter exclusivo para áreas xeográficas máis dispersas e despoboadas.
Pero a compostaxe doméstica non é unha liña de acción nova na Deputación ourensá. A súa promoción data do ano 2010 e, desde o ano 2013, o ente provincial veu desenvolvendo programas conxuntos con Sogama. En total, catro campañas a través das cales se repartiron 2.100 composteiros cun investimento de ao redor de 165.000 euros.
CAMPAÑA 2017-2018, PUNTO DE REFERENCIA
A última, materializada durante o período 2017-2018, caracterizouse por ser a primeira campaña de carácter provincial, ofrecéndose a todos os concellos (excepto á capitalidade) sen necesidade de que estes tivesen delegadas na Deputación as competencias en materia de residuos.
No marco da mesma repartíronse 1.125 composteiros e deseñouse un plan específico de acción que se estruturou en tres fases para garantir uns bos resultados.
A primeira, de difusión e captación, utilizando para isto material divulgativo e didáctico, así como os propios medios de comunicación e redes sociais. A segunda, que contemplou a entrega do composteiro en cada un dos fogares participantes, a montaxe do mesmo e unha explicación in situ de 15 minutos sobre a operativa a levar a cabo, deixando a cada veciño un teléfono de contacto para que tivesen a oportunidade de consultar todas as súas dúbidas. E unha terceira, de seguimento e control, realizada dous meses logo de entregar o composteiro, tendo comprobado a través da mesma que o 98% dos usuarios desenvolvían correctamente a técnica de autocompostaxe.
Se ben laboriosa, a iniciativa resultou altamente satisfactoria. Tal e como manifestou María Sabas, “está calando na sociedade o pensamento circular”, así como ese afán de máximo aproveitamento e mínimo desperdicio, transformando os residuos en recursos.
GRANDES PRODUTORES: O SEGUINTE PASO
Aínda queda moito por facer e a portavoz da Deputación desvelou que, nestes momentos, atópanse deseñando unha experiencia piloto para a recollida de residuos orgánicos a grandes xeradores da provincia, como é o caso de centros escolares, bares, restaurantes, etc.
Así mesmo, traballan na posta en marcha dunha nova campaña de compostaxe doméstica para o período 2019-2020 e na procura de novas vías de financiamento adicionais para promover a valorización dos biorresiduos a fin de dar debido cumprimento aos requisitos que marca a Unión Europea respecto desta fracción de refugallos.
Saúdos, Departamento de Comunicación