- Así o indicou Javier Domínguez, presidente de Sogama, nunha entrevista concedida a Radio Voz na que repasou a actividade desta empresa pública desde a declaración do estado de alarma, así como as situacións ás que a compañía tivo que facer fronte para preservar a saúde dos seus traballadores e seguir prestando un servizo público esencial.
Cerceda, a 22 de maio de 2020.- Nunha entrevista concedida a Radio Voz, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, fixo un repaso da actividade desenvolvida por esta empresa pública desde o decreto do estado de alarma orixinado polo Covid-19, indicando ao respecto que a crise abordouse na compañía co maior rigor e cautela, e tamén con serenidade, xa que se trataba dunha situación excepcional na que Sogama debía protexer a saúde dos seus traballadores e seguir prestando á cidadanía un servizo cualificado como esencial, nas mellores condicións e coas maiores garantías.
Recoñeceu Domínguez que cada día era un reto, agravado pola pouca consistencia das instrucións que se recibían do Goberno central, pero que grazas ao extraordinario labor do persoal, á magnífica resposta dos concellos e á colaboración dos cidadáns, púidose facer fronte, xunto cunha boa xestión empresarial, a un escenario sen precedentes.
“Os momentos de tensión foron especialmente duros á hora de conseguir no mercado elementos de protección para os operarios, xa que deben cumprir unhas determinadas especificacións técnicas, e tamén no caso de subministracións críticas necesarias para o correcto funcionamento da planta que procedían doutras comunidades e ata do estranxeiro”, explicou.
Preguntado pola evolución dos residuos durante o período de confinamento, o máximo responsable de Sogama explicou que, se ben ao principio agardábase unha caída importancia da produción de lixo debido ao peche da hostalería e dunha gran parte do comercio, o certo é que, a partir da segunda semana, constatouse un incremento considerable, fundamentalmente como consecuencia da profunda limpeza que as familias fixeron nas súas casas aproveitando a cuarentena.
A partir de aí, engadiu, “houbo picos e, comparando marzo-abril de 2020 co mesmo período de 2019, rexistrouse un incremento da bolsa negra dun 2,51% e, o verdadeiramente importante, un aumento da reciclaxe da bolsa amarela do 25,33%”, ao que engadiu “isto quere dicir que os galegos, non só continuaron separando os refugallos para propiciar o seu posterior reciclado, senón que este esforzo viuse incrementado”.
TRATAMENTO DE RESIDUOS SANITARIOS: SERVIZO PROVISIONAL
Respecto do tratamento realizado en Sogama dos residuos sanitarios de baixo risco, Javier Domínguez indicou que se levou a cabo a petición do SERGAS, xa que as instalacións que en Galicia viñan xestionando estes refugallos estaban desbordadas polo exponencial aumento dos mesmos.
A empresa pública fixo unha adaptación técnica no seu Complexo Medioambiental de Cerceda para que residuos tales como mascarillas, buzos, luvas e asimilables, recibisen un pretratamento, se triturasen e acondicionasen para ser valorizados enerxeticamente con todos os requisitos medioambientais. Este cometido arrincou o pasado 21 de abril e cesou un mes despois, o 21 de maio, xa que a produción de lixo sanitario foi baixando progresivamente, un magnífico dato en relación á pandemia.
En relación ao escenario actual e de futuro, Domínguez deixou constancia de que a pretensión de Sogama foi sempre manter unha “certa normalidade dentro da anormalidade”, aínda que poida resultar paradoxal. Indicou que hai compañeiros de oficina que se atopan teletraballando e continuarán así ata que as condicións sexan máis favorables, se ben os espazos de traballo xa foron dotados de todas as medidas de prevención.
COMPROMISO COA ECONOMÍA
A empresa está agora inmersa na reactivación da contratación, xa que, tal e como subliñou Domínguez, “a cadea económica non pode parar e Sogama, en calidade de empresa pública, debe aportar o seu gran de area”.
Saúdos, Departamento de Comunicación