- É por isto que ASPAPEL incide na necesidade de que, nestas datas, sigamos facendo un correcto uso do contedor azul, que precisamente en 2024 cumpriu 25 anos de vida
- Lembra que o noso país é o terceiro da Unión Europea, só por detrás de Alemaña e Italia, con maior volume de reciclaxe destes materiais
Cerceda, a 26 de decembro de 2024.- Segundo ASPAPEL, a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón, durante as festas do Nadal recóllense no noso país preto dun millón de toneladas de papel e cartón, cifra que representa o 20% do que se recicla ao longo de todo o ano.
É por isto que a organización incide na necesidade de que, nestas datas, unhas das máis relevantes para a reciclaxe destes materiais (de orixe natural, non fósil e renovable), continuemos a facer un correcto uso do contedor azul, que precisamente en 2024 cumpriu 25 anos de vida.
Segundo os últimos datos dispoñibles, en 2023 as fábricas papeleiras españolas reciclaron 4,8 millóns de toneladas de papel usado, o que sitúa a taxa de reciclaxe no 83,4%, posicionándose España como o terceiro país con maior volume de reciclaxe destes materiais na Unión Europea.
Desmontando mitos
Co obxectivo de axudar aos cidadáns a mellorar a súa achega á reciclaxe de papel e cartón, ASPAPEL faise eco dunha serie de argumentos que desminten os bulos máis comúns:
- “Reciclar non serve de nada”: a reciclaxe de papel e cartón evita que estes materiais cheguen a vertedoiro, o que contribúe a combater o cambio climático.
- “En España reciclamos pouco”: todo o contrario, somo o terceiro país da Unión Europea que recicla máis papel e cartón, só por detrás de Alemaña e Italia.
- “Reciclar quita postos de traballo”: os 40 centros de produción que fabrican papel reciclado en España dan traballo a preto de 7.700 persoas. Un emprego estable e de calidade, posible grazas á reciclaxe.
- “Non fai falta dobrar as caixas”: encartar o cartón é un xesto que pode parecer pequeno, pero resulta crucial. Dobrar ben as caixas antes de depositalas nos contedores azuis contribúe a que estes tarden moito máis en encherse e fai que a recollida sexa máis eficiente.
- “Deixar caixas fóra do contedor non é un problema”: para garantir a súa reciclaxe e manter as rúas limpas, hai que depositar sempre as caixas dentro do contedor azul.
- “Non importa se mesturas residuos no contedor, porque logo sepáranos”: depositar restos de comida, briks, plásticos, roupa ou baterías no contedor azul pode causar problemas nas etapas posteriores de tratamento do papel e cartón. Unha reciclaxe de calidade empeza cunha correcta separación en orixe.
- “Non pasa nada se levas todas as caixas ao contedor os días festivos”: aínda que os servizos de recollida se reforzan durante as festas, é aconsellable evitar os días máis críticos, como Nadal ou Reis, para evitar atopar contedores azuis puntualmente cheos.
- “Reciclar é complicado”: algúns seguen utilizando esta escusa, pero o único que tes que facer é separar o papel e cartón doutros residuos e depositalos no contedor azul.
Fonte e imaxe: ASPAPEL