- Visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde tomaron boa nota da actividade da compañía no ámbito industrial, ambiental, económico, administrativo e de recursos humanos
Cerceda, a 24 de novembro de 2023.- Máis de medio cento de estudantes do IES Ricardo Mella de Vigo, que cursan o Ciclo Superior de Administración e Finanzas, Asistencia e Dirección, visitaron Sogama para coñecer a xestión desta empresa pública desde diferentes dimensións, máis aló da puramente industrial, interesándose por cuestións administrativas, económicas e de recursos humanos.
Recibiron as oportunas explicacións sobre o tratamento que reciben as fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama, isto é, bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), bolsa marrón (materia orgánica) e bolsa negra (resto ou non reciclable).
Mentres que, no caso da primeira, sepáranse os envases por tipoloxías nunha planta de clasificación automatizada para enviar posteriormente aos centros recicladores, a materia orgánica convértese en compost e, coa parte restante, tras seleccionar os materiais reciclables depositados erroneamente por parte dos cidadáns no contedor xenérico, elabórase un combustible CDR que é valorizado na planta termoeléctrica para xerar enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Incidiuse tamén no emprego que xera a actividade de Sogama, con 1.000 postos de traballo (500 directos e outros tantos indirectos) nos que teñen cabida diferentes perfís profesionais cuxas achegas son necesarias para a xestión dunha empresa pública que trata os residuos municipais procedentes de 295 concellos, dando servizo a máis de 2,2 millóns de habitantes a través dunha potente infraestrutura conformada por un complexo medioambiental, sito en Cerceda (A Coruña), 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia), 37 plantas de transferencia distribuídas polo conxunto do territorio galego e un vertedoiro controlado de apoio.
Logo da sesión teórica, o alumnado tivo a oportunidade de realizar unha visita virtual 360º polas distintas plantas que conforman o Complexo cercedense, adentrándose na funcionalidade de cada unha.
Saúdos, Departamento de Comunicación