- Tratábase dun grupo de alumnos de 1º e 2º curso de ciclo medio de Carpintería e Roble do IES Plurilingüe Losada Diéguez, os cales tiveron a oportunidade de instruírse na materia e coñecer moi de preto a actividade da infraestrutura cercedense a través dunha visita virtual con lentes inmersivas 360º
Cerceda, a 23 de outubro de 2023.- Estudantes de 1º e 2º curso de ciclo medio de Carpintería e Roble do IES Plurilingüe Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra), visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para formarse en xestión de residuos e coñecer de preto o circuíto que estes seguen nas instalacións da infraestrutura máis moderna e eficiente de Europa.
Atendidos por técnicos especializados, asistiron a unha sesión na que se lles proporcionaron as claves para contribuír a unha xestión máis sostible dos refugallos que xeran cada día: desde o consumo responsable e a prevención, ata a reutilización dos produtos o maior número de veces para alongar a súa vida útil e a correcta selección dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, para que poidan transformarse en novas materias primas.
Neste sentido, insistiuse na necesidade de separar os materiais por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes para garantir o seu posterior reciclado: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; contedor marrón, para a materia orgánica; e xenérico, para a fracción resto, que Sogama converte en enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Realidade virtual e xogos
Un dos momentos que máis atención suscitou foi o da visita virtual polas distintas plantas que conforman o complexo cercedense a través de lentes inmersivas 360º. Desta forma tiveron a oportunidade de adentrarse en cada unha das instalacións e velas desde perspectivas imposibles nun percorrido a pé.
Así, puideron observar a operativa da planta de clasificación, onde se separan mecanicamente, e por tipoloxías, os envases introducidos pola cidadanía no contedor amarelo para enviar aos centros recicladores, así como o tratamento que recibe a fracción resto, seleccionando, en primeira instancia, a parte reciclable para remitir á industria transformadora e acondicionando a non reciclable para transformala nun combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade renovable nun 50%.
A visita culminou con xogos, concretamente en catro máquinas Arcade onde os estradenses puxeron a proba a súa bagaxe no ámbito da recollida selectiva, así como os seus reflexos e habilidades motoras.
Distribuídos por equipos e en parellas, nunha pantalla debían seleccionar os materiais que aparecían nunha cinta e introducilos no contedor correspondente, mentres que os compañeiros debían recollelos cun camión movido por combustibles renovables e levar os residuos ás plantas correspondentes. Ao longo do xogo, atopábanse con imprevistos, incidencias ou algunha trampa que debían resolver coa maior celeridade. Coñecemento, atención, axilidade e capacidade de reacción, os catro atributos para triunfar.
Saúdos, Departamento de Comunicación