- Visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda co obxectivo de coñecer os pormenores desta instalación, concibida en liña coa emerxente industria 4.0, e que conforma a primeira fase do proxecto de ampliación de Sogama.
- A segunda fase, en desenvolvemento, contempla a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
- O proceso de ampliación da infraestrutura de Sogama chegará ao seu fin a mediados deste ano, converténdose entón na máis moderna, eficiente e innovadora de Europa, ademais de punto de referencia a nivel mundial.
- Tratamento óptimo de todos os residuos, incremento da reciclaxe e vertido técnico cero: obxectivos a cumprir en breve.
Cerceda, a 9 de abril de 2019.- O alumnado do Máster de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda coa pretensión de coñecer os pormenores e características da nova planta de recuperación dos materiais contidos na bolsa negra, todo un exemplo de innovación ambiental e firme aposta polas novas tecnoloxías no ámbito industrial.
Técnicos ao servizo da empresa pública foron os encargados de explicar a operativa dunha instalación concibida en liña coa emerxente industria 4.0.
Cunha superficie de 14.000 metros cadrados, conta cun foso de 5.000 metros cúbicos, 5 tolvas, 8 equipos abre-bolsas, 18 trómeles de triaxe e 35 separadores ópticos; todo un despregue de medios que fai posible a recuperación automatizada de 11 tipoloxías de materiais para enviar aos centros recicladores (PEAD, filme, Pet, polipropileno, poliestireno, plástico mixto, briks, papel/cartón, aluminio, aceiro e vidro).
A posta en marcha desta instalación conformou a primeira fase de ampliación do complexo, que ten continuidade cunha segunda, en desenvolvemento, que contempla a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
A mediados de ano, a ampliación chegará ao seu fin convertendo a Sogama na infraestrutura das súas características máis moderna, eficiente e innovadora de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo.
Con esta mellora, o complexo verá incrementada a súa capacidade nun 81%, pasando das 550.000 toneladas/ano a 1.000.000, circunstancia que lle permitirá tratar, en condicións óptimas, todos os residuos producidos polos 295 concellos adheridos ao seu modelo ou, o que é o mesmo, os residuos que cada día xeran máis de 2.242.000 habitantes.
Adicionalmente, a empresa cuadriplicará a súa achega ao reciclado e reducirá o uso do vertedoiro, chegando en 2020 ao vertido técnico cero (10%). Nesta porcentaxe inclúese aquela fracción de refugallos que non pode ser reciclada nin valorizada enerxeticamente. Un logro que alcanza o estatus de fito, toda vez que a media de vertido en España é do 57%, polo que Sogama cumprirá, cunha antelación de 15 anos, o obxectivo do Parlamento Europeo imposto aos Estados membros para 2035, debendo estes limitar o uso do vertedoiro ao 10%, a opción menos desexable polo seu negativo impacto ambiental.
Saúdos, Departamento de Comunicación