- No grupo tamén figuraban alumnos/as de Formación Profesional Básica Agraria
- Atendidos e guiados por técnicos especializados, tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual 360º por todos os recunchos do Complexo Medioambiental de Cerceda
Cerceda, a 4 de abril de 2024.- Unha trintena de estudantes do Ciclo Superior e Medio de Xestión Forestal e Agroecoloxía, e de FP Básica Agraria, desprazáronse á sede de Sogama en Cerceda para coñecer a súa infraestrutura e o tratamento que na mesma reciben os residuos municipais producidos por 295 concellos (máis de 2,2 millóns de habitantes).
Durante a charla introdutoria á que asistiron, impartida por técnicos especializados, puideron tomar nota da problemática, tanto ambiental como económica e social, inherente á elevada produción de refugallos, así como as boas prácticas cidadás vinculadas ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Como non podía ser doutro xeito, explicóuselles o labor de Sogama, que asume a xestión de tres fraccións de residuos: envases de plástico, latas e briks procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo, que a empresa separa por tipoloxías nunha planta de clasificación para remitir aos centros recicladores, onde estes materiais se converten en novos produtos; o residuo convencional recollido a través do contedor xenérico, do que segrega a parte susceptible de ser reciclada para enviala á industria transformadora, valéndose para isto dunha planta de recuperación de materiais que opera en liña coa industria 4.0, e valoriza enerxeticamente a parte non reciclable, que converte en electricidade; e a matera orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, que transforma en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo e con aplicacións no sector da agricultura e a xardinería.
Realidade virtual
Os estudantes tiveron a oportunidade de ver con detalle todos os recunchos das instalacións a través dun percorrido virtual con lentes inmersivos 360º, experiencia que os maiores de 18 anos tamén puideron constatar a través dun itinerario guiado a pé.
Como colofón, organizouse un coloquio no que todos eles puideron deixar constancia dos seus comentarios, observacións e consultas.
Saúdos, Departamento de Comunicación