- Pertencían ao CIFP Ánxel Casal da Coruña e, no transcurso dunha visita guiada ao Complexo industrial de Cerceda, puideron tomar nota dos mecanismos utilizados pola compañía para clasificar os residuos e preparalos para o seu posterior reciclado
Cerceda, a 3 de febreiro de 2025.- Un grupo de estudantes do Centro Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal da Coruña, concretamente do Ciclo Superior de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, visitaron esta mañá o Complexo industrial de Sogama en Cerceda, movidos polo interese en coñecer as tecnoloxías utilizadas nesta infraestrutura para clasificar os residuos por tipoloxías e preparalos para remitir aos centros recicladores.
Ademais do percorrido inmersivo 360º, a través do cal tiveron a oportunidade de visualizar os detalles da operativa de cada unha das plantas que conforman o Complexo, comprobaron in situ, mediante un itinerario guiado a pé, os mecanismos utilizados pola compañía para recuperar os materiais contidos no lixo en masa, é dicir, o depositado pola cidadanía no contedor xenérico (bolsa negra ou resto).
En concreto, puideron observar o funcionamento dos lectores ópticos, utilizados para a clasificación das distintas tipoloxías de plásticos, así coma o dos ciclóns aspiradores, mesas densimétricas, electroimanes e correntes de Foucault. O obxectivo destes dispositivos non é outro que separar os residuos susceptibles de ser reciclados para remitir á industria transformadora, acondicionando co resto un combustible CDR que é valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica renovable. De feito, Sogama xera, a partir dos refugallos non reciclables, a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
O CIFP Ánxel Casal conta con distintos ciclos formativos de grao medio e superior no ámbito da Sanidade, Servizos á Comunidade, Química e Seguridade e Medio Ambiente, dispoñendo tamén dunha modalidade de FP dual, onde a formación que o alumnado recibe no centro compleméntase coa recibida en empresas.
Saúdos, Departamento de Comunicación