- O obxectivo de ambos grupos era coñecer todas as novidades técnicas incorporadas a esta infraestrutura e que permitiron á empresa gañar en eficiencia e eficacia.
- A ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda e a adopción de tecnoloxías propias da industria 4.0, posibilitou o seu posicionamento privilexiado en Europa, sendo hoxe o máis moderno e eficiente do continente, así como punto de referencia para o resto do mundo.
Cerceda, a 4 de marzo de 2020.- Un cento de alumnos/as lucenses do CEP As Gándaras, de Lugo cidade, e do IES Marqués de Sargadelos, de Cervo, visitaron esta semana o Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) a fin de coñecer todas as novidades técnicas incorporadas a esta infraestrutura e que permitiron á empresa gañar en eficiencia e eficacia.
De feito, a ampliación do Complexo, que conta hoxe cun 81% máis de capacidade de tratamento (pasando das 550.000 toneladas/ano nominais a 1.000.000), así como a incorporación das últimas tecnoloxías propias da industria 4.0, posibilitou o seu posicionamento privilexiado en Europa, sendo actualmente o máis moderno e eficiente do continente, así como punto de referencia para o resto do mundo.
A incorporación dunha planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, propiciará que a empresa incremente de forma exponencial a súa achega á reciclaxe e que alcance este mesmo ano o vertido técnico cero, esixencia establecida polo Parlamento Europeo para 2035.
Os escolares de Lugo participaron primeiro nunha sesión formativa impartida por educadores especializados e apoiada por distintos instrumentos didácticos e divulgativos, na que se especificou a problemática que trae consigo a elevada xeración de residuos, ferramentas coas que facer fronte á mesma e hábitos a adoptar polos cidadáns para contribuír a unha xestión máis sostible dos refugallos que producen cada día.
Tras esta introdución, os estudantes tiveron a oportunidade de ver as instalacións e tomar conciencia dos recursos humanos, materiais e económicos despregados para que o tratamento que cada día recibe o lixo producidoa por máis de 2.242.000 habitantes sexa o correcto desde a dimensión ambiental e de protección da saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación