- Polo Complexo Medioambiental pasaron esta semana escolares de ESO do CPI Dr López Suárez de Friol (Lugo), así como alumnos/as do CIFP Porta da Auga de Lugo cidade e que cursan un ciclo de Administración.
- A atención centrouse especialmente na nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e que, en liña coa industria 4.0, logra separar de forma automática ata 11 tipos de residuos para remitilos aos centros recicladores.
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2020.- Trala conmemoración do 20 aniversario da inauguración do Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), son moitos os grupos e colectivos que están a visitar esta infraestrutura para coñecer de primeira man as últimas novidades tecnolóxicas aplicadas a residuos e dispoñer de información máis detallada sobre a nova planta de recuperación de materiais, na que se concentra o maior interese da cidadanía.
Esta semana, a empresa recibiu a escolares de 3º e 4º de ESO do CPI Dr. López Suárez de Friol (Lugo), así como a alumnos/as do CIFP Porta da Auga de Lugo cidade e que cursan un ciclo de Administración.
Aínda que desde diferentes perspectivas, a operativa do complexo entusiasmou ao conxunto dos visitantes, que estiveron atendidos en todo momento por educadores especializados, os cales, co apoio de diversos recursos didácticos e divulgativos, explicaron a problemática ambiental asociada á elevada xeración de lixo, as boas prácticas a adoptar cada día para facer efectivo o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a operativa de Sogama para complementar e poñer en valor o esforzo dos cidadáns.
Así, deron conta da ampliación do Complexo industrial, ao que se incorporou unha nova planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, que permitirá incrementar a achega da Sociedade á reciclaxe e diminuír o uso do vertedoiro, chegando este mesmo ano ao vertido técnico cero.
En liña coa industria 4.0, esta planta dispón está dotada coas tecnoloxías máis innovadoras que permiten seleccionar de forma automática (a través de lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault,, etc) ata 11 tipoloxías de residuos para que poidan ser remitidos aos centros ecicladores, onde cobrarán unha nova vida, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas virxes.
Saúdos, Departamento de Comunicación