- A principios de 2021, o PNUMA identificou o sector dos residuos como o de maior potencial de mitigación para reducir as emisións de metano en Europa.
- Os vertedoiros son a forma máis contaminante de xestionar os residuos, tanto en termos de emisións de GEI como doutros riscos para o aire, o solo e as augas subterráneas.
Cerceda, a 30 de setembro de 2021.- ESWET (Asociación europea de provedores de tecnoloxías de valorización enerxética de residuos) celebrou o recente informe da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, que subliña a necesidade de reducir as emisións de metano no sector dos residuos, e defendeu o papel que a conversión de residuos en enerxía pode representar neste sentido.
O metano é un potente gas de efecto invernadoiro (GEI): 84 veces máis potente que o CO2 nun período de 20 anos. Con todo, a diferenza do CO2 e outros GEI, as emisións de metano -que representan o 11% do total de emisións de GEI na UE- non están reguladas axeitadamente na Unión Europea.
Nos últimos meses, diversas organizacións internacionais fixeron saltar as alarmas sobre o impacto do metano no medio ambiente. O recente informe do IPCC, publicado en xullo de 2021, advertía da necesidade de reducir de forma contundente, rápida e sostida as emisións de metano para manter controlado o quecemento global.
A principios de 2021, o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) identificou o sector dos residuos como o que ten o maior potencial de mitigación para reducir as emisións de metano en Europa.
Como opción de último recurso na xerarquía de residuos, os vertedoiros son a forma máis contaminante de xestión, tanto en termos de emisións de GEI como doutros riscos de contaminación para o aire, o solo e as augas subterráneas. Con todo, o vertido continúa a ser a principal opción de xestión de residuos en varios Estados membros da UE.
«Recoñecer o papel da conversión de residuos en enerxía para desviar os residuos non reciclables dos vertedoiro e reducir as emisións de metano no sector, á vez que se recupera a enerxía e se reciclan os metais e outros agregados, sería un paso máis na dirección correcta», asegurou Patrick Clerens, secretario xeral de ESWET.
Para 2035, non debería ir a vertedoiro máis do 10% dos residuos municipais da UE.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: ESWET