- Con esta iniciativa, conformada por 15 unidades didácticas, Sogama tamén quere contribuír a que as semanas de confinamento sexan máis levadeiras para os pequenos da casa.
- A diario, os escolares poderán aprender algo novo e ampliar os seus coñecementos ambientais, ademais de interiorizar valores tales como a solidariedade, a empatía, a responsabilidade, a importancia da ciencia e a medicina, etc.
- A primeira ficha xa está activa e, na mesma, dous nenos, Cora e Lucas, xunto coa súa familia, aseguran ter cada xornada unha hora máxica: ás 8 da tarde súmanse á homenaxe que os cidadáns renden a aqueles que o dan todo por preservar a nosa saúde. Para isto reutilizaron uns anacos de cartón cos que elaboraron uns corazóns.
Cerceda, a 27 de marzo de 2020.- Sogama, a través da súa plataforma educativa online “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal), tamén quere contribuír a que as semanas de confinamento sexan máis levadeiras para os pequenos da casa e que estes teñan a oportunidade de seguir interiorizando hábitos saudables e aprendan e gocen con distintas actividades de reciclaxe.
Este programa pedagóxico está conformado por 15 unidades didácticas que se publicarán de forma progresiva. Os protagonistas son catro membros dunha familia (pai, nai, fillo e filla), á que se suman dúas mascotas (un gato e un can). Xuntos pasan un período de reclusión no seu fogar debido á crise sanitaria orixinada polo COVID-19.
Con #EuQuedoNaCasa co #CadernoVerde, os pequenos poderán aprender a diario algo novo: que é o coronavirus, por que é prioritario seguir unhas correctas e rigorosas pautas de hixiene, a importancia de colaborar nas tarefas domésticas, o establecemento de horarios para o estudo, a lectura e o lecer, así como a oportunidade de ampliar coñecementos ambientais e seguir practicando a reciclaxe.
As distintas unidades didácticas complétanse con actividades interactivas accesibles a través de ordenadores, smartphones e tablets.
Xa está activa a primeira delas . Dous nenos, Cora e Lucas, levan varios días sen saír de casa, conscientes de que deben permanecer no fogar para protexerse eles e tamén para protexer aos ademais fronte ao COVID-19. Pero en cada xornada teñen a súa hora máxica. Ás 8 da tarde saen ao balcón da súa casa, xunto coa súa familia, para saudar aos veciños e aplaudir con emoción a esas persoas que o dan todo co loable fin de preservar a saúde dos cidadáns. Para participar nesta cálida homenaxe, reutilizaron uns anacos de cartón cos que elaboraron uns corazóns que dedican a eses superheroes e superheroínas.
Esta ficha de presentación terá continuidade con 14 números máis nos que se abordarán temáticas de gran interese tales como o valor da solidariedade, a empatía e a responsabilidade, a importancia de coidar aos avós, o papel clave da ciencia, a medicina e as vacinas para o noso benestar, as múltiples cousas que se poden facer para vencer o aburrimento, etc.
CADERNO VERDE: A VISIÓN TRANSVERSAL DO MEDIO AMBIENTE
O principal cometido da plataforma Caderno Verde é contribuír á educación, concienciación e sensibilización ambiental de a poboación, estando orientada a escolares, profesores e pais.
Na mesma, a sostibilidade intégrase de forma transversal en disciplinas tales como as matemáticas, lingua española e galega, inglés, plástica, etc.
Periódicamente, Caderno Verde nútrese con distintos recursos cos que se traballan temáticas tales como os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), alimentación equilibrada, o coidado dos bosques e a fauna, a mobilidade sostible, a loita contra a contaminación por plásticos e as medidas a adoptar para facer fronte ao cambio climático.
Os Trebón (Anselmo, Carola, Lucas, o can Antenas, o gato Evaristo, Lilia e Vito) e os Amigos de Vilaverde (Tomei, Mireia, Aloia, Brais, o can Cirilo e o avó Celso) acompañarán a esta nova familia, que será todo un exemplo a seguir na loita contra o coronavirus.
http://www.cadernoverde.gal/non-balcon-euquedonacasa-co-cadernoverde/
Saúdos, Departamento de Comunicación