- A Confederación Europea de Industrias da Reciclaxe avoga por un maior uso do aceiro reciclado para reducir a dependencia da enerxía e as materias primas importadas, como é o caso do mineral de ferro
- Considera que garantir unha demanda estable de aceiro reciclado na UE impulsará o investimento, creará emprego e apoiará as tecnoloxías avanzadas de reciclaxe de alta calidade
Cerceda, a 28 de novembro de 2024.- Ante o aumento dos prezos da enerxía e as incertezas xeopolíticas, a Confederación Europea de Industrias da Reciclaxe (EuRIC) avoga por un maior uso do aceiro reciclado para reducir a dependencia europea da enerxía e as materias primas importadas, como é o caso do mineral de ferro.
Considera que, con máis de 100 anos de experiencia no sector, a industria europea está ben posicionada para ampliar o uso de aceiro reciclado de orixe local e mellorar o control da súa cadea de subministración industrial.
Na súa posición sobre o futuro desta industria, defende dar prioridade a solucións facilmente dispoñibles, escalables e rendibles para impulsar a circularidade e lograr así unha maior resistencia, tanto ambiental como económica.
Os métodos de produción baseados na reciclaxe, coma o forno de arco eléctrico (EAF), ofrecen unha vía probada para reducir as emisións ata nun 95% e a un menor custo. O aceiro circular, producido a partir de materiais reciclados mediante o proceso EAF, apoia a sostibilidade ambiental e a autonomía estratéxica de Europa ao reducir a dependencia das materias primas importadas.
"Unha siderurxia europea forte e circular é unha realidade que podemos construír hoxe. O aceiro reciclado é a solución economicamente máis viable e escalable para o sector siderúrxico europeo, impulsando unha economía competitiva e baixa en carbono. Crea emprego, reforza a autonomía estratéxica, reduce as emisións e impulsa a base industrial de Europa", declarou Julia Ettinger, Secretaria Xeral de EuRIC.
Garantir unha demanda estable de aceiro reciclado na UE impulsará o investimento, creará emprego e apoiará as tecnoloxías avanzadas de reciclaxe de alta calidade.
Fonte: EuRIC
Imaxe: Pixabay