- O CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela conseguiuno creando a súa “Colección de bichos”, na que participaron os máis pequenos do colexio.
- Quixeron evidenciar así a recorrente presenza do calzado en obras de arte de gran transcendencia ao longo dos séculos e, por suposto, na literatura infantil.
- Ademais, con este traballo levaron a cabo unha verdadeira clase pedagóxica de aproveitamento de material, mostrando aos escolares que a creatividade, a diversión e o entretenemento pódese conseguir co cotián e o aparentemente insignificante.
Cerceda, a 26 de xuño de 2019.- No marco da convocatoria dos premios “Recíclate con Sogama” 2018-2019, a través dos cales invitábase aos 25 centros galegos de educación primaria adscritos a esta iniciativa a crear obras de arte con materiais de refugallo, o CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela sorprendeu cun singular proxecto no que os zapatos fóra de uso levábanse todo o protagonismo.
Baixo o título “Colección de bichos”, os pequenos de 6ºB de infantil, da man dos seus profesores, centraron o traballo neses zapatos que se quedan pequenos, que cambian de forma co uso e que constitúen parte indispensable da vestimenta de cada día.
No seu proxecto, coordinado polo profesor Francisco Javier Varela Núñez, e contando coa colaboración das docentes María Carmen Casal Montero (titora de infantil) e Mª Alejandra Vázquez Fernández (mestra de apoio neste nivel educativo), fan referencia á proposta de Javier Abad Molina (Profesor Titular de Educación Artística do Centro Universitario La Salle, na Universidade Autónoma de Madrid) e a inspiración que para eles representou o seu libro “Experiencia Estética e Arte de Participación: Xogo, Símbolo e Celebración”, a través do cal se argumenta que a escola debe proporcionar calquera experiencia, xogo ou material para facer posible intervencións artísticas.
Nunha mirada retrospectiva, aluden aos zapatos como elemento habitual en distintas formas artísticas (literatura, escultura, música, cine, etc). É o caso de “Retrato de Giovanni Arnolfini e a súa esposa”, de Jan van Eyck (1434), no que aparecían os primeiros tacóns, percibíndose como se protexen os delicados zapatos con teas de seda, ouro, cristais, ou o Par de Zapatos de Botero, ou ata os cadros de Van Gogh sobre zocos e botas vellas. E por suposto, todo o que ten que ver coa literatura infantil: o Gato con Botas, os Zapatiños Vermellos, Cenicienta e o Zapato de Cristal, o Zapateiro e os Duendes, etc.
E do mesmo xeito que estes artistas, de onte e hoxe, o colexio Lamas de Abade desenvolveu a súa arte cos zapatos dos seus nenos e nenas creando bichos de diferentes características. Iso si, contando coa colaboración das familias, que se encargaron de levar o calzado que xa non usaban os seus fillos/as para crear esta espectacular obra de arte.
Con isto, ademais de traballar a creatividade, os pequenos lograron interiorizar que non son necesarios xogos caros para fomentar a diversión e o entretenemento, que moitas veces reside no cotián e o aparentemente insignificante.
O 85% do material estaba conformado por zapatos fóra de uso, e o 10% por todo o necesario para os adornos (botóns, lazos, teas, plumas e chapas).
Saúdos, Departamento de Comunicación