- Tralas restricións e os malos momentos vividos durante os dous últimos anos debido ao COVID-19, moitos cidadáns propuxéronse gozar dun merecido descanso.
Desde Sogama continuamos apelando ao “sentidiño” porque a pandemia séguenos axexando e convidamos á poboación a poñer os medios para que estas vacacións sexan verdadeiramente sostibles.
1.- Planifica e presuposta. Ten en conta os gastos dos desprazamentos, o lugar no que te vaias a aloxar, a manutención e o lecer, pero inclúe tamén posibles imprevistos que poidan xurdir. Axústate ao máximo á túa dispoñibilidade económica.
2.- Infórmate sobre o teu lugar de destino. Sitios que ver, condicións da visita, restaurantes cunha boa relación calidade-prezo, costumes, tipos de comida, niveis de seguridade, etc
3.- Prioriza o transporte público. E, dentro deste, os medios menos virulentos coa contorna. O avión é o máis contaminante. De feito, os voos en avión supoñen en torno ao 2% das emisións de CO2 no mundo.
4.- Usa a túa enerxía. Cando chegues ao teu destino, en traxectos relativamente curtos, desprázate camiñando ou en bicicleta. É unha magnífica forma de reducir a túa pegada ecolóxica. Xerarás cero emisións, farás exercicio e explorarás a contorna dunha forma saudable e divertida. En caso de ter que optar por coche, mellor eléctrico ou híbrido.
5.- Elixe aloxamentos sostibles. Cada vez hai máis oferta. Con independencia da súa clasificación, xa hai hoteis, cámpings, hostais e pensións nos que a súa política ambiental inclúe un menor uso de plásticos, promoven a reciclaxe, obteñen enerxía de fontes renovables e priorizan a compra de produtos locais.
6.- Aforra auga e enerxía. No teu aloxamento, xestos como reducir o número de toallas utilizadas, apagar as luces, o televisor e manter a estancia a unha temperatura axeitada, sen abusar do aire acondicionado, poden marcar a diferenza.
7.- Comida de proximidade e de tempada. Infórmate sobre aqueles establecementos que serven comidas preparadas con alimentos locais e, se cociñas ti mesmo, aproveita os mercados do teu lugar de destino.
8.- Apoia o comercio local tamén na compra de souvenirs. Contribuirás á economía e emprego, e tamén á redución de emisións, xa que non deben ser transportados, e contribuirás ao emprego dos lugareños.
9.- Respecta a contorna. Infórmate sobre que se pode e que non se pode facer cando visites lugares sensibles ou protexidos para non ocasionar danos.
10.- Nada ao chan. En vacacións seguimos producindo lixo. Tenta minimizalo e baixo ningún concepto deixes refugallos abandonados no medio natural. Recólleos, clasifícaos e deposítaos nos contedores correspondentes para que poidan ser reciclados.
11.- Lembra que no contedor amarelo debes depositar os envases de plástico, as latas e os briks; no azul, o papel e cartón; no iglú verde, os envases de vidro; no marrón, a materia orgánica; e no xenérico, a fracción resto.
12.- Aproveita as vacacións para poñer en práctica valores de respecto, protección e solidariedade co medio ambiente, e, moi importante, transmíteos aos teus fillos, amigos, parella. É un bo momento para levar a cabo un labor de educación ambiental e poñer en práctica o apreso.