- O programa Ecovoz regresa esta tarde á radio para dar continuidade á tarefa de educación ambiental que vén levando a cargo desde fai 20 anos.
- Polos seus micrófonos pasaron xeracións de nenos e nenas que aportaron o seu gran de area na creación de conciencia cidadá na protección da contorna.
- Entrevistas a expertos na materia e a personaxes populares, consellos, boas prácticas e ata un espazo de ecomúsica compleméntanse co tradicional concurso escolar “O Ecopreguntoiro”
- A edición deste ano chegará ao seu fin no mes de xuño, coincidindo co último tramo do curso académico, e farao cunha gran festa que dará o pistoletazo de saída á próxima tempada de verán do Parque Acuático de Cerceda.
Cerceda, a 1 de febreiro de 2019.- Hoxe comeza unha nova edición do histórico programa “Ecovoz”, un espazo de radio centrado na educación ambiental de pequenos e maiores, e no que a xestión sostible dos residuos urbanos ocupa un lugar protagonista.
Emitido desde fai dúas décadas por Radio Voz Galicia, polos seus micrófonos pasaron moitas xeracións de nenos e nenas que, coas súas ideas, esforzo, traballo e iniciativas, quixeron aportar o seu gran de area na creación de conciencia ambiental entre a poboación.
As súas achegas compleméntanse ano tras ano coa bagaxe e amplos coñecementos de distintos expertos e profesionais do sector que falaron de novidades e tendencias no ámbito dos residuos, pero tamén no campo das enerxías renovables, a natureza, a auga, a biodiversidade, a mobilidade sostible, a innovación tecnolóxica ambiental e a ecoloxía, entre outras temáticas. Todos eles forman parte do acervo dun programa que evolucionou co tempo, adaptando o seu formato, contidos e áreas de interese, en sintonía coas preocupacións ambientais da cidadanía.
Non obstante, o seu tradicional concurso escolar “O Ecopreguntoiro” perpetuouse na súa versión orixinal pola excelente acollida que terá e ten entre a comunidade educativa, servindo como elemento formativo, pero tamén como oportunidade para a diversión, a ilusión e a competición sa e saudable.
Un total de 16 centros escolares de educación primaria compiten en coñecementos ambientais, chegando á final os dous que consigan superar as distintas eliminatorias. Nervios, presión e moita emoción constitúen os elementos que reinan semana tras semana durante o certame. Todos aspiran a ser os mellores, pero deben demostrar que saben máis que os seus rivais na área medioambiental.
O programa, de carácter semanal e cunha hora de duración durante as tardes dos venres, compleméntase con outras seccións tales como a Ecoentrevista, na que participa un experto no medio ambiente; os Ecoconsellos, onde se proporcionan recomendacións e boas prácticas para levar unha vida saudable e respectuosa coa contorna; e a Ecovisita, onde os escolares dan a coñecer os lugares máis emblemáticos dos municipios aos que pertencen desde unha dimensión ecolóxica, paisaxística, turística e de recreo.
Este ano tamén se contemplará o premio Ecovaledor, a través do cal recoñecerase a unha das persoas que participen no mesmo e que destaque polo valor dalgunha iniciativa ou proxecto que lidere ou do que forme parte; un microespazo de Ecomúsica, no que se deleitará aos oíntes cunha peza musical que teña por obxecto o coidado da natureza; e unha sección Ecovip, que inclúe breves entrevistas a personaxes populares para que conten como separan os seus residuos no fogar, con que dificultades se atopan, como organizan a recollida selectiva e as razóns polas cales colaboran no sistema.
E todo isto aderezado coa regueifeira Lupe, que trasladará cada semana consellos e boas prácticas en verso e cantados.
O programa chegará a o seu fin no mes de xuño, coincidindo co último tramo do curso académico, e farao cunha gran festa que dará o pistoletazo de saída á próxima tempada de verán do Parque Acuático de Cerceda.
Saúdos, Departamento de Comunicación