- Hoxe celébrase o Día Internacional das Familias facendo fincapé na necesidade de empoderalas a través da educación, o cambio de hábitos de consumo e a sensibilización para facer fronte ao cambio climático
Cerceda, a 15 de maio de 2024.-Hoxe celébrase o Día Internacional das Familias e, nesta ocasión, a ONU quixo facer fincapé no papel que estas poden desempeñar na transmisión dos valores da sostibilidade e a acción climática de xeración en xeración.
O aumento da contaminación, os fenómenos meteorolóxicos extremos e as alteracións na agricultura e os sistemas alimentarios, constitúen factores que afectan negativamente á saúde e o benestar das familias debido a que, a miúdo, provocan desprazamentos forzosos e a perda dos seus medios de subsistencia. Estes fenómenos afectan á produtividade agrícola e ao acceso á auga, o que intensifica a fame e situacións de vulnerabilidade. Ademais, provocan danos económicos en sectores sensibles aos efectos do clima, como a agricultura e a pesca.
Para actuar de forma significativa e eficaz contra o cambio climático, é fundamental empoderar ás familias a través da educación, o cambio de hábitos de consumo e a sensibilización. Como transmisoras de valores dunha xeración a outra, deben adoptar, desde unha idade temperá, hábitos sostibles e de concienciación sobre o cambio climático. Integrar os principios da economía circular na educación infantil pode axudar a construír un modelo económico sostible baseado na redución dos residuos e a rexeneración dos recursos naturais.
As familias, como consumidoras e activistas, poden conducir a transición cara a unha economía circular.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels