- Puxo en marcha a súa iniciativa mundial “Un país, un produto prioritario”, centrada en promover cadeas de valor sostibles para produtos agrícolas especiais cunha clara contribución á mellora da seguridade alimentaria, a nutrición e os medios de vida.
- Esta constitúe unha das solucións que a FAO propón para apoiar a transformación cara a sistemas agroalimentarios máis eficientes, inclusivos, resilientes e sostibles.
Cerceda, a 28 de setembro de 2022.- A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) puxo en marcha, na rexión de Europa e Asia central, a súa iniciativa mundial “Un país, un produto prioritario”, sendo o seu obxectivo facer que os sistemas agroalimentarios sexan máis eficientes, inclusivos, resilientes e sostibles.
Esta iniciativa céntrase en impulsar a ecoloxía e promover cadeas de valor sostibles para produtos agrícolas especiais, é dicir produtos locais cun valor especial que non se integraron na investigación e o desenvolvemento agrícolas.
No acto virtual de presentación, celebrado a finais do pasado mes de xullo, unha ampla gama de actores de Europa e Asia central manifestaron as súas prioridades e vantaxes comparativas nos sectores alimentario e agrícola, e examinaron oportunidades de maior harmonización. Entre os participantes figuraron representantes gobernamentais, asociados no desenvolvemento, institucións de investigación, a sociedade civil e o sector privado.
No seu discurso de apertura, a Directora Xeral Adxunta da FAO, Beth Bechdol, manifestou que “Un país, un produto prioritario” proponse optimizar os procesos de produción, minimizar os efectos negativos no medio ambiente e maximizar a produtividade dun produto concreto”, ao que engadiu que “a iniciativa combina os coñecementos tradicionais coa ciencia, a innovación e a tecnoloxía a fin de deseñar novamente as cadeas de valor para integrar produtos agrícolas especiais nos mercados nacionais, rexionais, e mesmo mundiais”.
Pola súa banda, Pedro Arias, economista da FAO, indicou que estes produtos especiais “son tesouros ocultos con calidades únicas e características especiais que se asocian ás dietas saudables, as localizacións xeográficas, as prácticas agrícolas sostibles que se empregan na súa produción ou a contribución singular que fan ao patrimonio cultural, coa particularidade de que, polo xeral, son producidos, procesados e comercializados no plano local por parte de actores en pequena escala e produtores marxinados, incluídas as mulleres”.
Os países de Europa e Asia central contan cun patrimonio agrícola diverso e abundante, así coma con sistemas de produción que, en combinación co desenvolvemento verde, ofrecen grandes oportunidades para que os responsables das políticas, os asociados no desenvolvemento e os actores da cadea de valor somen forzas en favor da transformación dos sistemas agroalimentarios, de modo que sexan sostibles desde o punto de vista ambiental, inclusivos a nivel social e economicamente viables.
Fonte: FAO
Imaxe: Pexels