- Na mesma recóllense numerosos datos sobre alimentación, agricultura, contexto socioeconómico e recursos naturais co obxectivo de axudar a fortalecer a toma de decisións baseadas en feitos comprobados.
- A plataforma enmárcase na Iniciativa Mano de la mano da FAO, orientada a acelerar a transformación agrícola e o desenvolvemento rural sostible para erradicar a pobreza (ODS 1) e poñer fin á fame e a todas as formas de malnutrición (ODS 2).
Cerceda, a 6 de agosto de 2020 - A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) lanzou a plataforma xeoespacial Mano de la mano, na que se recollen numerosos datos sobre alimentación, agricultura, contexto socioeconómico e recursos naturais a fin de axudar a fortalecer a toma de decisións baseadas en feitos comprobados. Eríxese así nun instrumento de gran interese para apoiar os esforzos encamiñados a recuperar mellor e aumentar a resiliencia dos sistemas alimentarios despois do COVID-19.
Potencia máis dun millón de capas xeoespaciais e milleiros de series estatísticas con máis de 4.000 rexistros de metadatos e aglutina información xeográfica e estatística sobre máis de 10 dominios relacionados coa alimentación e a agricultura: desde a seguridade alimentaria, os cultivos, os solos, a terra, a auga, o clima, a pesca e a gandería ata a actividade forestal.
Os datos proceden da FAO e doutros dos principais provedores de datos públicos de todas as Nacións Unidas, así como de organizacións non gobernamentais (ONG), o mundo académico, o sector privado e organismos espaciais. Así mesmo, incorpora datos de FAOSTAT sobre alimentación e agricultura dos 194 Estados Membros da FAO e de 51 territorios, desde 1961 ata o ano máis recente dispoñible.
A plataforma pode ser utilizada por calquera persoa e, entre os seus numerosos usos, facilita información esencial para:
• levar un seguimento da produtividade da auga para uso agrícola, en particular os sistemas agrícolas en risco pola presión que exerce o ser humano sobre a terra e a auga;
• comparar a densidade demográfica coa distribución de gando bovino ou comparar a densidade entre dúas especies de gando en distintas partes do mundo;
• determinar a distribución de especies acuáticas;
• analizar as tendencias das precipitacións;
• analizar a información dos sistemas nacionais de seguimento forestal na que se mostra a distribución dos recursos forestais xunto con outros datos xeoespaciais como a rede de acceso, o que permite separar as zonas forestais inalteradas que teñen un alto valor de conservación das zonas accesibles que son máis apropiadas para a restauración ou a produción.
A FAO engadirá á plataforma novos conxuntos de datos e estudos de casos sobre países e ámbitos específicos para mellorar a orientación e adaptación das intervencións en materia de políticas, a innovación, o financiamento e investimento e a reforma institucional nos sectores da alimentación e a agricultura.
A plataforma enmárcase na Iniciativa Mano da la mano da FAO, orientada a acelerar a transformación agrícola e o desenvolvemento rural sostible a fin de erradicar a pobreza (ODS 1) e poñer fin á fame e a todas as formas de malnutrición (ODS 2).
Fonte e imaxe: FAO