- Asegura que a innovación constitúe unha “forza motora clave” para lograr a fame cero no mundo, un dos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
- A convocatoria, lanzada en colaboración co Goberno de Suíza, invita a cidadáns, empresas ou institucións a presentar as súas candidaturas antes do próximo 28 de febreiro.
- Un dos premios, dotado con 40.000 dólares, recoñecerá a dixitalización e innovación para sistemas alimentarios sostibles e, o outro, con 20.000 dólares, as innovacións que empoderen aos mozos no sector.
Cerceda, a 26 de febreiro de 2019.- A innovación, tal e como asegura a FAO, constitúe unha “forza motora clave” para lograr a fame cero no mundo, un dos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e, se ben a innovación adoita asociarse de forma directa coa tecnoloxía, o certo é que a súa dimensión é moito máis ampla. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura defínea como o proceso mediante o cal se poñen en uso produtos, procesos ou formas de organización (novas ou existentes) por primeira vez nun contexto específico, pretendendo así aumentar a eficacia, competitividade e capacidade de recuperación para resolver un problema.
Neste marco, a propia FAO e o Goberno de Suíza lanzou unha convocatoria a través da cal invitan a cidadáns, empresas ou institucións a presentar candidaturas, antes do próximo 28 de febreiro, para dous premios concretos, isto é, premio á dixitalización e innovación para sistemas alimentarios sostibles, recoñecendo desta forma as innovacións que afectan a máis dun nivel da cadea de subministración e fortalecen o vínculo entre agricultores e consumidores; e premio ás innovacións que empoderan aos mozos/as (menores de 35 anos) na agricultura e os sistemas alimentarios.
Os galardóns consisten en dotacións económicas de 40.000 e 20.000 dólares respectivamente.
En ambos casos, consideraranse innovacións que teñan sido validadas e aplicadas con éxito durante o bienio anterior ao actual.
O Comité de Preselección, que analizará a lista de candidaturas presentadas e seleccionará a lista final de seis candidatos para cada categoría, estará copresidido polo Subdirector Xeral responsable do Departamento de Agricultura e Protección do Consumidor (AG) da FAO e un representante do donante, da Oficina Federal Suíza para a Agricultura. Así mesmo, estará integrado polo Secretario do Comité de Agricultura (COAG) e representantes de actores non estatais dos campos da investigación, o mundo académico, a iniciativa empresarial xuvenil, a sociedade civil e o sector privado.
Pola súa banda, o Comité de Selección, copresidido pola Directora Xeral Adxunta da FAO (Clima e Recursos Naturais) e un representante de alto nivel da Oficina Federal Suíza para a Agricultura e integrado tamén polo Presidente do COAG, tomará a decisión definitiva baseándose na lista final presentada polo Comité de Preselección.
A notificación aos gañadores realizarase, todo máis tardar, o próximo mes de xuño. Os premios serán entregados ese mesmo mes nunha cerimonia especial que se realizará durante o 41º período de sesións da Conferencia da FAO, do 22 ao 29 de xuño.
Fonte e imaxe: www.fao.org
Saúdos, Departamento de Comunicación