- A pretensión é dispoñer dunha plataforma de intercambio rápido de información relevante para o sector.
- É o caso do marco regulatorio do actual escenario sanitario, a contorna empresarial, os mercados e a divulgación das mellores prácticas como referencia para outras asociacións.
Cerceda, a 13 de abril de 2020.- Baixo o liderado do presidente de BIR (Bureau of International Recycling), Tom Bird, a Federación Mundial de Industrias da Reciclaxe creou un equipo especial de coordinación de crise COVID-19 para harmonizar as accións e a resposta con respecto ao impacto da pandemia no sector.
O equipo está conformado por representantes das asociacións nacionais adscritas a esta organización, así como por membros do Comité de Embaixadores de BIR, que representan países, rexións e produtos específicos.
O obxectivo principal é dispoñer dunha plataforma para o intercambio rápido de información relevante e de interese común para BIR e os seus membros.
Nesta liña, o máximo responsable da Federación presidiu a pasada semana unha primeira reunión virtual cos embaixadores de BIR, toda vez que a situación varía dun país a outro, con escenarios contradictorios en moitos casos.
Os participantes destacaron a importancia de BIR para coordinar e expresar os intereses da industria da reciclaxe a nivel mundial. Neste sentido, cabe destacar que esta organización representa a máis de 30.000 empresas recicladoras de máis de 70 países e os seus membros son líderes mundiais na subministración de materias primas e un alicerce clave para o desenvolvemento económico sostible e circular.
Fonte: BIR
Imaxe: Pixabay