- No marco do seu Plan de Reciclaxe e Compostaxe Redondela 2016-2020, o concello pontevedrés de Redondela fixo unha firme aposta pola recuperación dos residuos para a súa conversión en recursos, de acordo co concepto de economía circular.
- Desde 2014, e conforme a un acordo de colaboración con Sogama, a empresa pública subministrou ao ente local 255 composteiros, que foron distribuídos entre outras tantas vivendas, encargándose o propio persoal do concello da formación e posterior seguimento porta a porta.
- Esta experiencia abriu a porta á reflexión e avaliación de novos proxectos cos que seguir innovando a fin de extraer todo o potencial dos residuos e xestionalos desde a máxima sostibilidade e co mínimo custo para os veciños.
Cerceda, a 4 de marzo de 2019- De acordo co seu Plan de Reciclaxe e Compostaxe Redondela 2016-2020, enmarcado nas directrices comunitarias na materia e, máis concretamente, no paquete europeo de economía circular, o concello pontevedrés de Redondela fixo unha firme aposta pola recuperación da materia orgánica en orixe.
A pretensión do ente local é fomentar o consumo responsable e reducir a produción de lixo, poñendo en valor os residuos xerados a través da compostaxe da fracción orgánica e a reciclaxe do resto.
Desde 2014, o concello fixo unha firme aposta pola sostibilidade e xa entón solicitou a colaboración de Sogama para a posta en marcha dun programa de compostaxe doméstica que lle permitiu dar servizo a 255 vivendas que dispoñen de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante; unha iniciativa coa que se pretende alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Convencido de que o éxito depende, en primeira instancia, da formación, desde o departamento municipal de Medio Ambiente levaron a cabo un ambicioso programa educativo que aglutinou a escolares e veciños en xeral, desenvolvendo actividades pedagóxicas en todos os centros educativos e impartindo charlas cidadás con carácter periódico para explicar ás familias a importancia dos tres erres (de reducir a produción de lixo, de alongar a vida útil dos produtos a través do máximo aproveitamento, e de separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en residuos, para depositalos nos contedores correspondentes e propiciar así o seu posterior reciclado).
Conscientes de que o compromiso debe ser recíproco, os fogares que se fixeron cun composteiro cedido gratuitamente polo concello no marco do acordo formalizado por Sogama, debían, non só participar activamente no sistema, senón aceptar as visitas periódicas do persoal ao servizo do concello para recabar datos, esenciais por outra banda para avaliar o correcto desenvolvemento do mesmo.
Máis aló deste contacto persoal, o departamento de Medio Ambiente, ben a través de vía telefónica ou de correo electrónico, estivo a disposición dos interesados en todo momento para proporcionar información adicional, disipar dúbidas e corrixir posibles erros.
Con este clima de bo entendemento e relación permanente cos usuarios adscritos á autocompostaxe, o concello puido seguir mellorando o seu plan de acción e adaptalo ás necesidades das familias, cada vez máis implicadas. Esta experiencia abriu a porta á reflexión e avaliación de novos proxectos cos que seguir innovando a fin de extraer todo o potencial dos residuos e xestionalos desde a máxima sostibilidade e co mínimo custo para os veciños.
Saúdos, Departamento de Comunicación