-
Escolares do municipio de Láncara (Lugo) visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama onde, ademais de coñecer a súa actividade, foron instruídos no principio dos tres erres a través de xogos tradicionais e máquinas arcade
-
A xornada complementouse cun percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura e polas que discorre o residuo para ser reciclado ou valorizado enerxeticamente, en función das súas características
Cerceda, a 29 de maio de 2024.- As actividades lúdicas en Sogama convertéronse nun básico para a formación dos escolares na xestión sostible dos residuos municipais. Tanto no programa externo de charlas coma no interno de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), cumpren unha función prioritaria: afianzar coñecementos desde o entretemento e a diversión.
Así o puideron comprobar esta semana os escolares do municipio lucense de Láncara, concretamente do CPI Ramón Piñeiro. Logo das explicacións da actividade desta empresa pública proporcionadas por monitores especializados, metéronse de cheo nunha visita virtual que lles permitiu “viaxar”, coa máxima seguridade e con plena comodidade, polas distintas instalacións que conforman o complexo cercedense a fin de comprobar o papel que cada unha delas desempeña no tratamento de residuos.
O obxectivo de Sogama é precisamente recuperar os refugallos que poidan ser reciclables para o seu posterior envío á industria transformadora, onde se converten en novos produtos, e valorizar enerxeticamente a parte non reciclable, evitando así o seu depósito en vertedoiro, a opción máis perniciosa para o medio ambiente e a saúde pública.
Os xogos tradicionais de selección de residuos tiveron continuidade cunha competición entre alumnos a través das máquinas arcade Trash & Furious, onde tiveron a oportunidade de poñer a proba a súa bagaxe na recollida selectiva, tanto en relación cos materiais que deben depositarse nos contedores amarelo e xenérico, coma no azul e marrón, así como as súas destrezas motoras, axilidade, grao de atención e concentración.
En todo caso, e máis aló de interiorizar o labor de Sogama, durante a visita trasladouse aos alumnos as boas prácticas vinculadas á aplicación diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), toda vez que estas constitúen o xerme da xestión sostible dos refugallos producidos cada día polos cidadáns.
Saúdos, Departamento de Comunicación