- Celebraranse a porta pechada e estarán orientados ao funcionariado que se encargue das revisións das NDC
- Serviranse dos resultados da COP28 e do informe “Balance Mundial” para centrarse nas opcións de mitigación, nas solucións de adaptación e na inclusión dos supercontaminantes, coma o metano e o carbono negro.
Cerceda, a 2 de agosto de 2024.- Mentres as temperaturas extremas e os impactos sen precedentes do cambio climático seguen a afectar a miles de millóns de persoas en todo o planeta, as Nacións Unidas e os seus asociados anunciaron que celebrarán unha serie de reunións rexionais co obxectivo de aumentar a ambición na próxima rolda de compromisos climáticos no marco do Acordo de París.
O próximo ano, os países deberán presentar novas Contribucións Determinadas a Nivel Nacional, coñecidas como NDC 3.0, nas que se os anima a establecer, para 2035, obxectivos ambiciosos de redución de emisións orientadas a toda a economía que se axusten á limitación do quecemento global a 1,5 °C e aumenten a resiliencia fronte ás repercusións climáticas.
Co propósito de axudar aos países a elaborar a próxima rolda dos seus compromisos climáticos no marco do Acordo de París, o PNUMA, a Secretaría da CMNUCC (Cambio Climático das Nacións Unidas), o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) e a Alianza para as Contribucións Determinadas a Nivel Nacional (NDC Partnership), están a organizar os Foros Rexionais NDCs 3.0, que terán lugar desde mediados deste mes ata outubro. Celebraranse a porta pechada e estarán destinados a todo o funcionariado que se encargue das revisións das NDC.
Os Foros serviranse dos resultados da COP28 e do informe “Balance Mundial” para centrarse nas opcións de mitigación, as solucións de adaptación e a inclusión nas NDC dos supercontaminantes (contaminantes de curta vida distintos do CO2), coma o metano e o carbono negro.
Os participantes, convidados dos ministerios gobernamentais que interveñen na aplicación das NDC, explorarán modelos de financiamento innovadores e compartirán o desenvolvemento de follas de roteiro políticas. Nos Foros debaterase como uns obxectivos sectoriais ambiciosos poden conducir a un cambio transformador e a plans de investimento.
Así mesmo, debe terse en conta que o cambio climático é un dos principais causantes da perda de natureza e biodiversidade, e á súa vez a perda de natureza propicia o cambio climático. As fontes do cambio climático adoitan ser as mesmas que as da contaminación e os refugallos, de aí que as crises estean interrelacionadas e as solucións deban integrarse.
Os Foros alentarán aos países a considerar os beneficios colaterais da acción climática e a compartir exemplos sobre como harmonizar os obxectivos climáticos con outros compromisos internacionais en materia de natureza, contaminación e desenvolvemento sostible nas súas NDC.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels