- Se ben a xornada por excelencia do Black Friday será o vindeiro venres, 29 de novembro, xa durante estes días dispáranse as compras en liña e con entrega en domicilio, incrementando o transporte e, polo tanto, a contaminación atmosférica
- Entre as adquisicións máis recorrentes figuran os dispositivos electrónicos, para substituír a outros moitos que aínda están novos, e a moda, toda vez que a vida útil das pezas reduciuse á metade
- Algunhas recomendacións para limitar as consecuencias negativas deste evento son facer unha lista do necesario, poñer un tope de gasto, buscar primeiro en comercios locais, evitar as compras en liña, investir en produtos duradeiros e doar ou reciclar os que substituamos
Cerceda, a 27 de novembro de 2024.- Desde hai uns anos, o Black Friday, unha estratexia de venda procedente de Estados Unidos, veuse estendendo en España ata asentarse como un evento destacado no calendario do consumo (último venres do mes de novembro), pois os descontos ofertados en multitude de artigos fan desta xornada unha oportunidade para distintos públicos.
Durante estas datas, as compras en liña e con entrega en domicilio dispáranse de forma exponencial, incrementando o transporte e, polo tanto, a contaminación atmosférica.
Así mesmo, as embalaxes das nosas compras, nas que predomina o plástico e cartón, xeran un gran volume de residuos que deben xestionarse correctamente, desbordando nalgúns casos a capacidade de recollida dos propios concellos.
Entre as adquisicións máis recorrentes do Black Friday, figuran os dispositivos electrónicos, en moitas ocasións coa única pretensión de facerse cos de última xeración, condenando aos antigos a converterse en residuos, e a moda. De feito, hoxe compramos máis roupa que nunca e refugámola antes, reducindo á metade a vida útil das pezas.
Segundo datos da ONU, só para producir uns vaqueiros necesítanse 7.500 litros de auga, cantidade equivalente á que unha persoa bebe durante 7 anos.
Así mesmo, o uso cada vez máis estendido de fibras sintéticas fai que as pezas liberen máis de medio millón de toneladas de microfibras no océano cada ano.
Datos de interese
- O Black Friday en España estima un consumo medio por persoa de 220€.
- Desde 2015, as vendas do Black Friday aumentaron un 10-20% cada ano, coa particularidade de que, en 2019, incrementouse a compra en liña.
- Os artigos máis vendidos durante esta xornada son a moda (53% das persoas enquisadas), calzado e complementos (39%), electrodomésticos, aparellos electrónicos, e teléfonos móbiles (35%).
Recomendacións para reducir a contaminación do Black Friday
- Pensar antes de comprar. Facer unha lista previa do que necesitamos, poñer un tope de gasto, comparar características dos produtos máis aló do prezo e non permitir que a trampa de sentir que se perden descontos únicos nos faga adquirir o que non precisamos.
- Priorizar comercios locais. Moitos pequenos comercios vense obrigados a axustar os seus prezos nesta data para facer fronte á competencia, e isto malia que dispoñen de menos marxe e teñen máis dificultade para asumir os custos.
- Comprar en tenda física e reducir o impacto das compras en liña. Estas últimas aumentan as emisións do transporte, así coma os residuos de produtos e embalaxes. E se devolvemos o adquirido, increméntase o impacto ambiental, dando lugar a unha maior conxestión nas cidades e unha peor calidade do aire.
- Investir en produtos duradeiros e fabricados de maneira responsable, premiando a calidade fronte á cantidade.
- Doar ou reciclar os produtos que substituamos. Darlles unha segunda vida é tan importante como reciclalos ao final da súa vida útil.
Saúdos, Departamento de Comunicación